A Xunta apoia con 10 M€ á empresa galega Gabadi na construción dun acelerador de partículas nos Estados Unidos

Venres, 06 Setembro 2024 09:11
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe os stands das empresas galegas que están a participar na Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024
  • Lorenzana resalta que se trata dun dos proxectos científicos máis ambiciosos e prometedores a nivel global
  • Subliña que esta iniciativa é estratéxica para Galicia e reforza a súa posición no mapa da ciencia e a tecnoloxía a nivel mundial

 

Hamburgo (Alemaña), 5 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a Xunta vai apoiar con 10M€ á empresa galega Gabadi na construción dun acelerador de partículas nos Estados Unidos de América.

“O noso apoio a esta iniciativa recoñece a importancia estratéxica do proxecto para Galicia e para o avance da ciencia en global e ademais marca un antes e un despois na contribución da Comunidade a proxectos científicos de vangarda”, apuntou a conselleira.

Este acelerador de partículas coñecido como DUNE (Deep Underground Neutrino Experiment) será o máis potente do mundo e desenvolverase na antiga mina de ouro en Dakota do Sur. “Trátase dun dos proxectos científicos máis ambiciosos e prometedores a nivel global e será clave para a investigación dos neutrinos e a explotación das orixes do universo”, dixo.

Gabadi é unha empresa de Narón especializada na fabricación de tanques de membrana por todo o mundo e un exemplo da aposta pola innovación, a internacionalización e os investimentos. Este proxecto sitúa á compañía galega como un factor chave na revolución científica que permitirá desentrañar os segredos máis profundos no universo.

A conselleira tamén puxo en valor que a participación de Gabadi neste proxecto destaca a capacidade técnica e a innovación da empresa galega e reforza a posición de Galicia no mapa da ciencia e a tecnoloxía a nivel mundial.

Feira do sector naval

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana visitou hoxe os stands das empresas galegas que están a participar estes días na Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024 co apoio da Xunta de Galicia.

Neste marco, Lorenzana destacou a aposta que está a facer o Goberno galego por acompañar e dar resposta ás necesidades das empresas do naval, para o cal vai ser fundamental o plan director que se está elaborando para o sector.

Esta é a 31ª edición desta feira, a máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebra cada dous anos por estas datas e atrae unha multitude de empresas e entidades do sector procedentes de todo o mundo. Do medio cento de empresas galegas participantes grazas ao apoio do Instituto Económico de Galicia (Igape), 24 delas contan con expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis