- Nos cinco primeiros meses do ano, as vendas ao exterior da Comunidade incrementáronse un 4,4% con respecto a 2023, ano récord das exportacións galegas no que se superou por primeira vez a barreira dos 30.000M€
- Maio volve ser un bo mes para as exportacións en Galicia, que crecen máis dun 9% en comparación co mesmo período do exercicio anterior
- Este incremento permite a Galicia contar cunha balanza comercial positiva en preto de 4.125M€ entre xaneiro e maio
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024
Galicia segue a acadar resultados históricos nas súas exportacións. Así, e tras pechar 2023 co mellor rexistro acadado ata o momento, tras superar por primeira vez a barreira dos 30.000M€, as vendas ao exterior galegas marcan un novo récord e suman, entre xaneiro e maio de 2024, máis de 12.800M€, tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Esta cifra supón un incremento do 4,4% con respecto ao mesmo período dese histórico 2023, e sitúa a Comunidade como a segunda co maior crecemento do Estado, soamente superada por Andalucía. Unha porcentaxe que contrasta cos datos arroxados na media nacional, onde as exportacións descenderon un -2,3% con respecto a ese mesmo período de xaneiro a maio de 2023.
O incremento permite tamén a Galicia contar cun saldo favorable de 4.124,14M€ entre as exportacións e as importacións contabilizadas entre xaneiro e maio, mentres que en España a balanza continúa en números vermellos.
No que respecta aos datos interanuais de maio, as vendas ao exterior aumentaron este mes un 9,4% con respecto a maio do ano pasado, sumando nesta ocasión 2.884M€. A porcentaxe galega mellora en sete puntos a media estatal de maio, onde o crecemento situouse, con respecto ao mesmo período do ano pasado, nun 2,3%.
Entre os sectores que están detrás do ascenso das exportacións neste mes de maio figuran o dos combustibles, aceites minerais, cunhas vendas ao exterior que medraron un 90,2% máis que en maio de 2023; a automoción, cun incremento do 9,7% con respecto ao ano pasado na venda de automóbiles; e o naval, que no acumulado de xaneiro a maio destaca polo crecemento do 27,3%.
Por países, todos os estados cos que o peso do comercio galego é significativo aumentan, producíndose, no marco da Unión Europea, importantes ascensos nos principais compradores en relación ao mesmo período do ano anterior: Francia (+26,1%), Alemaña (+3,2%), e Italia (+1,1%). E tamén destacan outros destinos como Marrocos (+6,4%) ou Estados Unidos, que suma o 2,2% das exportacións galegas nos primeiros 5 meses do ano.
O apoio da Xunta de Galicia
Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír ao seu crecemento económico, a Xunta de Galicia segue a desenvolver unha Estratexia de Internacionalización que facilita a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
A través desta Estratexia, o Goberno galego mantén e reforza a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e a dixitalización.