Lorenzana subliña a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento económico e industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

Luns, 27 Mai 2024 08:52
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou un convenio de colaboración co concello de Ferrol e coa Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer)
  • O convenio busca que Cofer, e tamén o Concello de Ferrol, sexan o enlace da Xunta á hora de identificar posibles proxectos que impulsar desde a Oficina Económica do Igape
  • Enxalza o valor da colaboración público-privada e subliña o compromiso do Goberno galego coa reindustrialización destas comarcas da man do tecido empresarial
  • Alcalde e conselleira abordaron nun encontro posterior á sinatura do convenio a posibilidade de converter Ferrol nun polo industrial vinculado ás novas tecnoloxías no ámbito das enerxías mariñas

 

Ferrol, 25 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia polo desenvolvemento económico e industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o trasladou hoxe tras a sinatura dun convenio de colaboración co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e co presidente da Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer), Cristobal Dobarro.

Segundo explicou, o que se busca é que Cofer, e tamén o Concello de Ferrol, sexan o enlace da Xunta á hora de identificar posibles proxectos que trasladar á Oficina Económica do Igape. É dicir, co apoio do Concello, a Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal pasa a ser unha entidade colaboradora  da Oficina Económica para vehiculizar iniciativas empresariais susceptibles de implantarse en toda esta área. Neste senso, Lorenzana lembrou que a nova Oficina Económica de Galicia nace co obxectivo de desburocratizar as relacións coa Administración e en posibilitar unha tramitación áxil ao tecido empresarial.

Neste marco, a conselleira enxalzou o valor da colaboración público-privada cando se trata de impulsar o crecemento e a competitividade da economía e da industria galegas e, en concreto, subliñou o compromiso do Goberno galego coa reindustrialización destas comarcas.

O convenio asinado hoxe ten entre os seus obxectivos, mellorar a produtividade, a competitividade e a internacionalización das pemes locais; identificar as iniciativas empresariais que favorezan a promoción industrial, así  como aquelas que poidan ser derivadas á Oficina Económica de Galicia e contribuír á súa posta en marcha. Tamén a realización de estudos relacionados co contexto económico e social das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e cos fondos europeos.

Tal e como explicou Lorenzana, trátase de que todas as Administracións vaian da man e traballen en colaboración co tecido empresarial para a reactivación económica destas comarcas nun contexto no que se están a abrir moitas oportunidades en material industrial da man da industria de compoñentes de enerxías renovables e o traballo conxunto coa Autoridade Portuaria.

Principais actuacións

Algunhas das actuacións recollidas neste convenio son as accións para a difusión e sensibilización sobre todo tipo de axudas e apoios para incentivar o desenvolvemento do tecido empresarial e industrial desta zona; a realización de xornadas e actividades sobre o novo marco de fondos europeos de apoio á recuperación para impulsar proxectos no territorio; ou as actuacións de promoción da actividade económica en Ferrol, Eume e Ortegal.

Ademais, tamén se elaborarán estudos relativos á estrutura empresarial por sectores, á dimensión das empresas asentadas nestas comarcas, as necesidades de relevo xeracional, a identificación de novos proxectos empresariais, eliminación de barreiras á competitividade económica, as posibilidades de negocio da industria eólica mariña ou o seguimento e propostas de actuación de impacto do Pacto de Estado por Ferrol.

Encontro co alcalde

Logo da sinatura deste convenio, Lorenzana mantivo un encontro co alcalde, José Manuel Rey Varela, con quen abordou a posibilidade de que Ferrol se especialice como un polo industrial vinculado ás novas tecnoloxías no ámbito das enerxías mariñas. Nesta liña, a titular de Economía e Industria subliñou a apostado Goberno da Xunta co desenvolvemento deste sector pero garantindo sempre a súa compatibilidade cos recursos pesqueiros, o medio mariño e o medio ambiente. 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis