A Xunta salienta a importancia do talento como “gran activo” do tecido empresarial e como “motor que move a economía do futuro”

Mércores, 22 Mai 2024 17:51
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a xornada ‘20 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia’, onde destaca o papel das “persoas, clave e fundamento de todo”, para consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global a través de “liñas estratéxica que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”
  • O encontro celébrase no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña
  • Destaca que a Xunta promove, a través de distintos programas e actuacións, a innovación e a transformación dixital das pemes galegas e a procura de novos mercados, ao tempo que achega financiamento no actual contexto económico
  • Pon en valor a aposta pola nova Oficina Económica de Galicia como canle única de entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento

 

Vigo, 22 de maio de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá en Vigo na xornada ‘20 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia’, onde destacou a importancia do talento como “gran activo” das empresas galegas e como “motor que move a economía do coñecemento, a economía verde e dixital, a economía do futuro”.

“As persoas son a clave e o fundamento de todo. A medida que a automatización, as novas tecnoloxías, a intelixencia artificial, continúan transformando a economía, o talento humano vólvese aínda máis esencial para desenvolver, implementar e xestionar estas tecnoloxías de maneira ética e efectiva”, afondou Toca Carús nunha xornada que se celebrou no marco do programa Capacita Directivos.

Esta iniciativa, lembrou a directora do Igape, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña.

Desta volta, os participantes afondaron, entre outras, nas industrias da moda, da biotecnoloxía, nas TIC, no sector alimentario, nas enerxías renovables, na industria aeronáutica e aeroespacial, na loxística, no turismo, na industria do envellecemento activo, ou na mobilidade avanzada e sostible.   

“O talento, as persoas, en definitiva, son a clave para poder reflexionar sobre o presente mirando cara ao futuro, con dous obxectivos: axudar a consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global, e afondar en liñas estratéxicas que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”, afondou a directora do Igape.

Neste marco, lembrou que os distintos programas e actuacións que o goberno galego impulsa cada ano teñen como eixos de actuación a innovación e a transformación dixital das pemes galegas e a procura de novos mercados, ao tempo que achegan financiamento no actual contexto económico.

Sobre esta base, Toca Carús puxo en valor a importancia da nova Oficina Económica de Galicia como canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.

“A Oficina é unha nova variante dentro desa batería de medidas de apoio ás empresas, xa sexan startups ou pemes, que buscades dar un salto en innovación tecnolóxica: automatizando e axilizando os procesos internos; e mellorando a competitividade empresarial no cambiante escenario actual”, concluíu.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis