A Xunta salienta a importancia do efecto tractor das grandes empresas galegas para impulsar a saída ao exterior de pemes e autónomos

Venres, 03 Mai 2024 19:35
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visita en Nigrán as instalacións de Marine Instruments, que potenciou a súa presenza nos Estados Unidos cunha misión comercial levada a cabo no marco da liña para grandes empresas do Foexga
  • Apunta que este programa, que vén de abrir unha nova convocatoria, permite aproveitar a “experiencia e o saber facer” destas compañías consolidando a aposta do tecido empresarial galego pola internacionalización
  • As axudas cobren o 30 % dos gastos subvencionables da participación das grandes empresas nas misións comerciais e feiras internacionais incluídas na programación de actividades internacionais do Plan Foexga

 

Nigrán (Pontevedra), 3 de maio de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións de Marine Instruments no polígono de Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra), onde puxo en valor a importancia do “efecto tractor” que grandes empresas galegas dos distintos sectores poden facer de cara a promover e impulsar a saída ao exterior de pemes e autónomos.

Neste sentido, Toca Carús destacou a recente apertura dunha nova convocatoria da liña para grandes empresas do Plan Foexga que ten por obxectivo, precisamente, aproveitar ese “efecto tractor para favorecer a imaxe da economía galega nos mercados exteriores”, fomentando e consolidando a presenza do tecido empresarial da Comunidade nos mercados internacionais, e acadando unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica, das exportacións galegas.

“Esta liña permítenos valernos da experiencia e o saber facer das compañías galegas, potenciando a súa presenza no exterior e aproveitando as sinerxías para que pemes e autónomos aposten tamén pola busca de novos mercados”, afondou Toca Carús.

A directora do Igape puxo como exemplo da produtividade do Plan Foexga á propia Marine Instruments, que a través desta liña asistiu o ano pasado a Feira Auvsi Xponential en Denver (Estados Unidos). “Estamos a falar do principal congreso mundial no sector da tecnoloxía e desenvolvemento de sistemas non tripulados e autónomos”, explicou, sinalando que a misión comercial permitiu á compañía manter tamén reunións con algunhas das principais empresas do sector de vehículos non tripulados, ampliando a súa rede comercial en beneficio do tecido produtivo galego.

Toca Carús lembrou que este programa, que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, aspira este ano a que arredor de 40 grandes empresas tomen parte nas accións de promoción, aproveitando o seu efecto tractor para favorecer a imaxe da economía galega nos mercados exteriores.

Para esta convocatoria prevense máis de 60 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

Desde o ano 2019 o Goberno galego ten destinado máis de 1,5 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media de 40 grandes empresas. Unha liña á que se suma o tradicional Plan Foexga para pemes e autónomos, activado no 2014, e que suma ata o de agora outros 14 millóns cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.

“Con este tipo de actuacións potenciamos a colaboración co tecido empresarial galego para seguir a acadar rexistros históricos nas nosas exportacións”, resaltou a directora do Igape, que lembrou que Galicia vén de lograr o seu récord histórico en exportacións: máis de  30.000 millóns ao peche de 2023.

Unha tendencia que se consolida este ano. Galicia exportou en febreiro, último mes coñecido, por valor de 2.463,4 millóns de euros, un 13,4 % máis que no mesmo mes do ano anterior.

  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis
  • A Xunta avalía con Cointega estratexias de modernización e innovación no sector téxtil
    Ler máis