O programa ReAcciona abre unha nova convocatoria ofrecendo ás pemes galegas servizos avanzados para mellorar a súa competitividade

Venres, 29 Marzo 2024 09:54
  • A partir do 1 de abril, os interesados poden presentar as súas solicitudes para optar a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira, a optimización dos procesos de produción ou a innovación
  • Entre os novos eidos de actuación destacan o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento e a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza
  • A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, cobre o 80 % do custo da actuación, tendo as empresas ata 13 servizos distintos á súa disposición
  • Desde a súa posta en marcha no 2012, o ReAcciona promoveu o desenvolvemento de máis de 2.700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2.000 empresas galegas, mobilizando 13,7 M€

 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia abre o próximo luns, 1 de abril, e ata o 15 de novembro, o prazo de presentación de solicitudes do programa ReAcciona, que ofrece ás pemes galegas diferentes ferramentas e servizos avanzados para mellorar a súa competitividade.

Deste xeito, as empresas interesadas, a través das entidades colaboradoras, poderán presentar a súa solicitude para acceder a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos. Para acadar este obxectivo, o programa suma máis de 3,2 M€ que suporán a mobilización de máis de 4 M€, promovendo servizos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira ou a optimización dos procesos de produción.

Así mesmo, tamén se levarán a cabo iniciativas no eido da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos.

Entre as principais novidades deste ano, o programa incorpora a prestación de servizos en catro novos eidos de actuación: o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento ou a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza.

En total, o ReAcciona ofrece ás pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial, debendo as empresas que queiran optar a estas axudas ter un mínimo de tres persoas traballadoras.

As actuacións levadas a cabo no marco do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.

Neste marco, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, cobre ata o 80 % do custo do servizo para a peme. No desenvolvemento do programa colaboran o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia Galega de Innovación (Gain).

Desde a súa posta en  marcha no 2012, o ReAcciona promoveu o desenvolvemento de máis de 2.700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2.000 empresas galegas, mobilizando 13,7 M€.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis