- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo na xornada organizada pola asociación onde destaca as cifras “récord” das exportacións galegas coa contribución das industrias transformadoras de peixes e mariscos, que incrementaron as súas vendas ao exterior nun 3%
- Resalta as liñas de apoio no ámbito da internacionalización, como os Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios; os xestores de internacionalización, que permite ás pemes galegas contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior
- Destaca que o programa de préstamos directos presenta, entre as súas novidades, o financiamento tanto da implantación de empresas galegas no exterior como de circulante para as compañías de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura
Vigo, 15 de marzo de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na inauguración da xornada Apoios á industria transformadora e comercializadora de produtos do mar, organizada xunto a Conxemar, e na que se expuxeron, por parte do Instituto e da Consellería do Mar, a batería de liñas e programas que ten o Goberno galego para colaborar con esta industria.
Durante a súa intervención, Toca lembrou que Galicia vén de bater o seu récord exportador, superando, por primeira vez na historia no 2023, os 30.000 millóns en vendas ao exterior. Unha cifra “moi importante” a que contribúe de modo decisivo a industria transformadora de produtos do mar.
Así, afondou a directora, os produtos de orixe animal, entre os que se inclúen peixes e mariscos, incrementaron as súa exportacións nun 3% o ano pasado ata acadar os 2.787 millóns; e os produtos das industrias alimenticias aumentaron as vendas a outros mercados nun 12,1%, ata chegar aos 1.395 millóns.
“Estas cifras sitúan a industria galega de transformación dos produtos do mar como un referente a nivel internacional, e amosan as posibilidades que hai na busca de novos mercados”, afondou Toca, que trasladou aos responsables de Conxemar o seu apoio para seguir colaborando no impulso deste sector estratéxico e a vontade de manter a coordinación entre a Xunta e a asociación, que organiza anualmente en Vigo a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar.
Neste contexto, a directora do Igape resaltou as distintas liñas de apoio que ten activas nestes momentos a Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Instituto de cara a seguir potenciando esa cooperación. Entre elas, destacou, no ámbito da internacionalización, as novas convocatorias das liñas Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios, que suman máis de tres millóns promovendo a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos. Así mesmo, recordou que está activa tamén outra edición do programa de xestores de internacionalización que, dotado con 1,3M€, permite ás pemes galegas contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior co obxectivo de seguir mellorando as vendas internacionais do tecido empresarial.
Financiamento
A directora do Igape lembrou tamén outros programas que ten en marcha nestes momentos o Goberno galego, entre os que fixo especial fincapé na liña de préstamos directos para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial galego.
O obxectivo da liña, afondou, que suma 30 millóns de euros na procura de promover a competitividade de pemes e autónomos galegos, é mellorar as condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda.
Unha convocatoria que, como expuxo, presenta desta volta dúas grandes novidades que atinxen á industria transformadora e á súa internacionalización: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as compañías de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.
E todo isto, concluíu, sen esquecer a nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única entre as empresas e a administración de cara a facilitar información, asesoramento e acompañamento para os proxectos empresariais.