A Xunta avoga pola cooperación para impulsar a dobre transformación dixital e sustentable do tecido empresarial galego

Venres, 08 Marzo 2024 13:45
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na xornada de clausura dos ‘Obradoiros de Dixitalización: Aforro enerxético e dixitalización’, onde pon en valor estes talleres que permiten “promover a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos que aposten pola dixitalización, a sustentabilidade e a loxísitica avanzada” 
  • Salienta que o Goberno galego leva promovidos ata o de agora 125 obradoiros con máis de 1.250 asistentes, con axudas por máis de 2,1 millóns de euros

 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024.- A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na xornada de clausura dos ‘Obradoiros de Dixitalización: Aforro enerxético e dixitalización’, organizada por Cluergal, onde puxo en valor a importancia da cooperación para afrontar a “dobre transformación dixital e sustentable” na procura de mellorar a competitividade empresarial.

“A nova industria susténtase sobre unha innovación colaborativa, na que os medios de produción están conectados, as cadeas de valor están integradas e as canles de distribución e a relación co cliente establécense de forma dixital”, afondou Toca.

Neste marco, a directora do Igape destacou o papel dos Obradoiros de dixitalización, que nas súas últimas edicións téñense convertido en talleres multidisciplinares que permiten “promover a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos que aposten pola dixitalización, a sustentabilidade e a loxísitica avanzada”.

O Goberno galego impulsou ata o de agora 125 obradoiros con máis de 1.250 asistentes, e cun importe total de axuda de máis de 2,1 millóns de euros. “Este programa supón unha aposta decidida por esa dixitalización do tecido produtivo”, incidiu a directora, quen apuntou que o obxectivo é que os talleres funcionen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas.

Así mesmo, Toca Carús afondou tamén na importancia da cooperación público-privada, especialmente a través dos clústeres galegos, “imprescindibles na mobilización de recursos” e no impulso de diferentes proxectos.

“Por parte da Xunta de Galicia sempre nos ides atopar na tarefa de acompañar ás nosas empresas e de promocionar a colaboración público-privada, porque é o noso papel e cremos nos beneficios dese traballo en equipo”, proseguiu a directora do Igape, facendo especial fincapé na posta en marcha da nova Oficina Económica de Galicia como canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.

Neste escenario, Toca Carús avanzou tamén dúas novas convocatorias de axudas das que se poderán beneficiar “algunha das propostas que xurdiran destes obradoiros”: unha nova liña de axudas para a posta en marcha nas pemes de proxectos de mellora de factores ASG -Ambientais, Sociais e de Gobernanza-; e unha nova convocatoria dos apoios á transformación dixital das pemes que, por primeira vez, fai especial énfase na dixitalización dos procesos loxísticos.

“Confiamos en que xuntos lograremos abrir novas oportunidades para o crecemento e a mellora da competitividade do noso tecido produtivo e para seguir apostando por unha transformación dixital e sostible, que garanta a competitividade, a presenza internacional e a creación de emprego”, concluíu.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis