- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde subliñou a importancia de acompañar aos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, aposta polo talento e fomento da cultura da internacionalización
- Resalta a posta en marcha este ano da primeira liña específica de apoio ás startups galegas así como outras opcións de apoio habilitadas a través de Xesgalicia
- Pon en valor os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que é exemplo a Cidade das TIC
- Destaca a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento
A Coruña, 27 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde avogou por potenciar a cooperación público-privada na procura de seguir a aproveitar ao máximo todas as oportunidades que ofrece o ecosistema innovador galego.
“Debemos acompañar aos nosos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, apostar polo talento e fomentar a cultura da internacionalización”, afondou Toca, quen neste último campo lembrou que as exportacións galegas están acadando “datos históricos e configurando o mellor ciclo exportador da nosa terra”.
Nesta tarefa conxunta, proseguiu a directora, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, habilita un ano máis distintas ferramentas e programas de apoio entre os que destacou a “continua aposta” polas startups. Un compromiso que este exercicio inclúe a primeira liña específica de apoio ás startups galegas.
A directora detallou que a nova liña cobre o 100% dos gastos, entre 10.000 e 20.000 euros, nos que incorran os emprendedores innovadores no lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos.
E todo isto, afondou a directora do Igape, sen esquecer “as últimas apostas que temos en marcha desde a Xunta” como son os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que temos “un exemplo inmellorable nesta Cidade das TIC que hoxe nos acolle”.
“Por parte da Xunta de Galicia sempre nos van a atopar na tarefa de acompañar ás nosas empresas e de promocionar a colaboración público-privada, porque é o noso papel e cremos nos beneficios dese traballo en equipo”, sinalou Toca, quen, neste escenario, puxo en valor a posta en marcha este ano da nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.
Unha oficina que se complementa con apoios como a nova liña de incentivos para á atracción e de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para achegar financiamento, ou unha ampla batería de liñas e axudas para promover a internacionalización.
“As nosas empresas, teñen a importante responsabilidade de dar resposta ás necesidades e demandas do noso tecido produtivo e da cidadanía. E entre todos, desde a colaboración público-privada, temos a obriga de proporcionarlles o apoio e os recursos necesarios para que os seus proxectos teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu a directora do Igape.