A Xunta activa os apoios para que as pemes galegas contraten xestores de internacionalización e impulsen as súas vendas ao exterior

Mércores, 10 Xaneiro 2024 10:29
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dotada con 1,3 millóns de euros cuxo obxectivo é facilitar a incorporación ao mercado laboral de profesionais con formación ou experiencia en comercio internacional de cara a apoiar ao tecido empresarial na busca de novos mercados
  • As axudas poderán alcanzar ata o 90 % do custo da contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50 % dos apoios
  • O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 9 de xullo, salvo esgotamento do crédito
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024
 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria do programa de xestores de internacionalización, un programa que permite ás pemes participantes contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior na procura de seguir a mellorar as súas vendas internacionais.

En concreto, a iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, destina 1,3 millóns de euros a fortalecer a especialización en comercio exterior e a contratación de preto de medio cento de xestores por un período de ata 18 meses. Así, a través desta convocatoria búscase facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior.

Neste sentido, aquelas pemes que teñan o seu domicilio social e un centro de traballo en Galicia e que acrediten ter en marcha un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior poden presentar a súa solicitude na procura de obter tanto información sobre profesionais con formación especializada como apoio económico para a súa contratación.

A iniciativa contribúe así á captación profesional de expertos en internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os xestores achegando os seus coñecementos e experiencia.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 9 de xullo ás 14 horas, salvo esgotamento previo do crédito. As axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva, poderán alcanzar ata o 90% do custo de contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50% dos apoios. Así mesmo, os xestores, ademais de estar dados de alta como demandantes de emprego na data da contratación, deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou cun certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

Galicia Exporta

Neste mesmo eido da internacionalización, cabe lembrar que actualmente están abertas á presentación de solicitudes as convocatorias dos programas Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, tres liñas de apoio que suman máis de 9 M€ na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos.

O obxectivo destes programas é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis