- Os obradoiros do Igape contan con 650.000 euros para promover espazos de colaboración co obxectivo de capacitar ás empresas na preparación de iniciativas que respondan aos principais retos da economía
- Os apoios cobren o 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto, cun límite máximo de 75.000 euros por entidade beneficiaria
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024
A Consellería de Economía, Industria e Innovación informa da apertura da nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada que teñen como obxectivo crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía. Estes obradoiros, que acadan a súa sétima convocatoria, configúranse como espazos multidisciplinares que reforzan o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sustentable dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.
Cun orzamento de 650.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.
O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.
Os apoios concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 75.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 2 de febreiro.