A Xunta avalía co tecido empresarial as novas oportunidades e vías de negocio que ofrece o mercado da República Dominicana

Xoves, 09 Novembro 2023 16:39
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, mantén un encontro co embaixador da República Dominicana antes de inaugurar, na sede da Confederación de Empresarios da Coruña, a xornada ‘República Dominicana: Un mercado de oportunidade’, onde pon en valor o crecemento das exportacións nun país no que venden máis 250 empresas galegas
  • Subliña a importancia da colaboración público-privada para seguir medrando a través de actuacións como as misións comerciais impulsadas polo Igape no país no 2022 e neste 2023, nas que participaron un total de 11 empresas galegas
  • Resalta a aposta da Xunta pola internacionalización, que está a contribuír a que Galicia acade cifras históricas nas vendas ao exterior e que se materializa en accións como as antenas do Igape ou os programas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios
A Coruña, 9 de novembro de 2023
 

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo esta mañá un encontro co embaixador da República Dominicana, Juan Bolívar Díaz Santana, e co conselleiro responsable de Comercio, Investimento e Turismo do país, José Manuel Vargas D’Oleo, cos que participou, tamén, na xornada República Dominicana: Un mercado de oportunidade, que se celebrou na sede da Confederación de Empresarios da Coruña. Uns encontros que permitiron avaliar as novas oportunidades e vías de negocio que ofrece o país centroamericano ao tecido empresarial galego.

“República Dominicana é un mercado no que as exportacións de Galicia seguiron unha liña notablemente ascendente, incrementándose nun 53% durante o último lustro”, subliñou Toca Carús, quen destacou que, hoxe en día, máis de 250 empresas galegas de diferentes sectores exportan ao país, sumando durante o último ano máis de 49 millóns en vendas ao exterior. Esta cifra, afondou, supón un incremento do 8,2% con respecto ao exercicio precedente, e contribúe ao aumento do saldo da balanza comercial galega, que se situaba en 48,5 millóns de euros no 2022, un 52,8% máis que en 2017.

Neste contexto, a directora do Igape sinalou as oportunidades que, para seguir medrando, ofrecen sectores como a construción, a industria agroalimentaria, os bens de consumo, a enerxía ou as renovables. “Desde a Xunta facilitamos e poñemos ao dispor das empresas as ferramentas e apoios necesarios para favorecer a súa saída aos mercados internacionais e para a implantación de novos proxectos”, incidiu.

Un marco no que Toca Carús realzou a aposta do Goberno galego pola internacionalización, que está a contribuír a que Galicia acade cifras históricas nas vendas ao exterior. Un compromiso que, como explicou, se materializa en accións como as antenas do Igape -que permiten acompañar ás empresas nos seus procesos de internacionalización- ou os programas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios -para apoiar accións de promoción no exterior e que teñen aberta nestes momentos unha nova convocatoria-.

Nesta liña, a directora do Igape avogou por manter e potenciar a colaboración público-privada para seguir medrando a través de actuacións como as misións comerciais impulsadas polo Igape na República Dominicana nas que, nos anos 2022 e 2023, participaron un total de 11 empresas galegas.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis