- O novo programa busca facilitar ás pequenas e medianas empresas o acceso a dotacións dixitais e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades
- As axudas financian a posta en marcha de proxectos de creación destes centros dixitais, con apoios que poden chegar ata o 80 % do investimento subvencionable, estando previstos tamén anticipos de ata o 80 %
- As infraestruturas poderán ser para uso exclusivo da empresa promotora do proxecto ou ben para o seu uso aberto e compartido, contribuíndo a reforzar o contorno de empresas e consumidores, e a dixitalización e modernización do tecido produtivo
- O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 11 de decembro
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2023
O novo programa de Centros Dixitais promovido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape suma preto de 6,5M € para mellorar a dixitalización do tecido empresarial e modernizar a industria galega a través de novos proxectos de creación deste tipo de infraestruturas na provincia da Coruña. O obxectivo é contribuír, tanto a nivel empresarial como local, a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais, a contorna das empresas e os consumidores, e a modernizar e desenvolver a base industrial.
Cómpre salientar que a dispoñibilidade local destas infraestruturas dixitais de apoio e reforzo á industria beneficia de xeito especial ás pemes, ao permitirlles acceder a dotacións dixitais e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades.
Neste marco, os centros dixitais, que poderán ser para uso exclusivo da empresa promotora do proxecto ou ben para o seu uso aberto e compartido, fomentarán o desenvolvemento de sistemas e conectividade dixital, a monitorización ou xestión remota de activos ou instalacións, e o control e comando de operacións en calquera ámbito de actividade, especialmente para instalacións de produción ou de xeración de enerxías renovables e no ámbito da mobilidade.
Así, o programa permitirá impulsar, entre outros, sistemas de simulación e sistemas de control de activos conectados, frotas de vehículos, captación e almacenamento de datos; sistemas de telemetría e telecomando tamén aplicables a vehículos e frotas, así como a instalacións enerxéticas, zonas de seguridade e espazos loxísticos.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 11 de decembro.
O investimento subvencionable oscilará entre os 100.000 euros e os 3 M€, podendo acadar o importe da axuda ata o 80 % en función da tipoloxía do proxecto. Así mesmo, está prevista a posibilidade de realizar pagamentos anticipados de ata o 80 % do importe da axuda.
A través dos Centros Dixitais o Goberno galego reforza a súa aposta por un modelo de crecemento intelixente, sostible e innovador, contribuíndo á modernización e desenvolvemento da base industrial da zona na que se instalen. Cómpre salientar que a liña se enmarca no programa de Fondos de Transición Xusta, que buscan xerar un impacto económico e social positivo e contribuír á consolidación das pequenas e medianas empresas nos lugares definidos para estas zonas, que se localizan na provincia da Coruña.
O programa dá continuidade a outro tipo de iniciativas deste estilo, como os Centros de Fabricación Avanzada, que veñen de lanzar unha segunda convocatoria logo de pecharse a primeira coa creación de seis centros que suman máis de 16 M€ en apoios e que están a permitir promover proxectos en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario.