A Xunta avoga pola internacionalización das pemes galegas para mellorar a súa competitividade

Mércores, 02 Agosto 2023 19:13
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou esta mañá as instalacións do Grupo Itelsis, en Santiago, que ten levado a cabo distintos plans de internacionalización nos últimos anos contando co apoio do Goberno galego.
  • Pon en valor liñas como ás do Galicia Exporta, que contarán cunha nova convocatoria no último trimestre e que promoven accións como a creación de tendas en liña, campañas en medios no estranxeiro, a participación en accións de promoción internacional ou a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior.
  • A Xunta segue a reforzar a colaboración co tecido empresarial galego, que mantén no que levamos de ano rexistros históricos no que ás vendas ao exterior se refire, sumando nos cinco primeiros meses máis de 12.300 millóns, un 6,1% máis que no mesmo período do ano pasado.

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións do Grupo Itelsis, en Santiago de Compostela, onde puxo en valor a importancia da internacionalización do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e autónomos, no actual contexto económico como clave para mellorar a súa competitividade.  

Neste sentido, Toca adiantou que no último trimestre a Consellería de Economía, Industria e Innovación lanzará unha nova convocatoria dos programas Galicia Exporta, que facilitan o impulso da internacionalización do tecido produtivo, permitindo ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.  

“Itelsis é un bo exemplo da colaboración co tecido empresarial que permite ás empresas galegas reforzar a súa aposta na procura de novos mercados”, salientou a directora do Igape, quen apuntou que nos últimos anos o grupo tense beneficiado de ata catro convocatorias do Galicia Exporta Empresas levando a cabo distintos plans de internacionalización. 

Toca sinalou que o obxectivo do programa -que se complementa co Galicia Exporta Organismos Intermedios para iniciativas colectivas coordinados por agrupacións empresariais, e co Galicia Exporta Dixital na promoción de ferramentas innovadoras - é impulsar tanto actividades de difusión como accións de prospección internacional. 

Neste marco, a directora do Igape apuntou que a nova convocatoria facilitará, un ano máis, a promoción de plans de internacionalización que inclúen, entre outras accións, a creación de tendas en liña, campañas en medios no estranxeiro, a participación en accións de promoción internacional ou a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior. 

Desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional, cunha axuda total ata a data de 30,9M€. Cifras que, como expuxo a directora, dan “boa conta” da importancia da colaboración da Xunta co tecido empresarial galego neste eido, que se enmarca no contexto da Estratexia de Internacionalización que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. 

Unha cooperación que, como sinalou a directora do Igape, está a permitir manter as cifras históricas acadadas xa o ano pasado, cando as exportacións galegas rozaron os 30.000 millóns. Neste 2023, mantéñense estes rexistros récord, sumando nos cinco primeiros meses máis de 12.300 millóns, un 6,1% máis que no mesmo período do exercicio pasado. 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis