A Xunta impulsa a formación nos procesos de internacionalización dixital a través do programa Fórmate

Venres, 19 Febreiro 2021 14:16

Pemes e autónomos afondan nas particularidades do comercio electrónico a través desta iniciativa que está a contar coa participación dalgún dos máis importantes ‘marketplaces’ do mundo como Alibaba ou Amazon

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia segue a facilitar a formación nos procesos de internacionalización dixital a través do programa Fórmate Internacional do Igape. Esta iniciativa ten permitido colaborar xa con máis de 400 empresas neste campo, ensinando a pemes e autónomos galegos como abordar estas iniciativas dixitais de busca de novos mercados.

Neste sentido, o programa Fórmate conta coa participación dalgún dos máis importantes marketplaces do mundo como Alibaba e Amazon. Así, esta mesma semana, un representante de Alibaba deu a coñecer as características do xigante asiático do comercio electrónico aos participantes, estando previsto, para o vindeiro 24 de febreiro, a participación dun voceiro de Amazon que será o encargado de presentar as posibilidades deste marketplace para as empresas galegas que queiran internacionalizarse dixitalmente.

Con esta iniciativa, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, segue a ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que ten cambiado a forma de consumir a nivel mundial, cun incremento exponencial do comercio electrónico.

Esta aposta pola formación está a ser acompañada polo incremento das vendas no exterior do tecido empresarial galego. Neste sentido, Galicia vén de acadar os mellores rexistros históricos nas súas exportacións, sumando 25.270 millóns durante o ano 2021, un 21,1% máis que no exercicio precedente.

Desde o pasado setembro, Fórmate está a facer un percorrido polas bases do comercio electrónico como canle de acceso para novos mercados. Cada semana impártese unha nova sesión temática, que pode volver consultarse na plataforma virtual do curso. Os participantes reciben unha ficha didáctica cun resumo dos contidos que se tratan no webinario correspondente, e a final de cada mes, envíaselles un boletín cunha selección de noticias de actualidade relacionadas coa materia tratada.

Tras abordar temas como o plan estratéxico dixital, o márketing dixital, os medios de pago ou a loxística en anteriores webinarios, nas seguintes semanas o curso centrarase nas particularidades dalgúns dos principais mercados para o comercio electrónico do mundo, como China, Estados Unidos ou Reino Unido. Tamén se estudará como inflúen as diferenzas culturais nos procesos de negociación, a xestión aduaneira e os Incoterms, e os modelos de cooperación internacional.

Aquelas empresas galegas que estean interesadas en adaptar a súa estratexia comercial a nivel internacional aínda poden inscribirse neste programa, gratuitamente, a través da súa web.

  • A Xunta pon en valor a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves do éxito empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis
  • A Oficina Económica de Galicia recibe a visita dos alumnos de deseño, moble e carpintería do IES de Melide
    Ler máis