- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada informativa do Foro Empresa Pontevedra onde informou de que a convocatoria actual do programa de Dixitalización Industria 4.0 conta con 5M€ para apoiar a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor.
- Apunta que, no marco da Axenda Financeira 2023, está aberta, un ano máis, a liña de préstamos directos, que suma 18 millóns de euros na procura de facilitar o financiamento e promover a competitividade de pemes e autónomos galegos.
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada informativa do Foro Empresa Pontevedra onde achegou ao tecido empresarial da provincia as distintas liñas de apoio que está a promover a Xunta para impulsar a competitividade do tecido empresarial galego. Neste marco, Guldrís lembrou que ata o vindeiro 5 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes do programa de Dixitalización Industria 4.0 que, un ano máis, aspira a facilitar a transformación industrial das pemes galegas a través de proxectos de dixitalización.
A liña conta cun orzamento de 5 millóns de euros para promover a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais para a dixitalización e conectividade da peme. Este programa cobre o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, así como o 50 % dos gastos en colaboracións externas en ambos os casos.
Así mesmo, o director do Igape lembrou que, no marco da Axenda Financeira 2023, está aberta, un ano máis, a liña de préstamos directos, que suma 18 millóns de euros na procura de facilitar o financiamento e promover a competitividade de pemes e autónomos galegos.