A Xunta destaca o compromiso de Magnesitas de Rubián coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade

Martes, 23 Mai 2023 18:49
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou no Incio as instalacións da compañía, da que dependen 60 empregos directos e indirectos.
  • A empresa conta xa con 1 MW de enerxía solar fotovoltaica que permite substituír o 25 % do consumo da planta por autoconsumo, e está a instalar 1 MW máis na mina.
  • Fai fincapé en que a industria invista en eficiencia enerxética para reducir custos e para avanzar na descarbonización dos seus procesos.
  • Subliña que a Axenda da Minería Sustentable “vai na dirección que están marcando empresas como Magnesitas de Rubián”.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá o compromiso de Magnesitas de Rubián coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade. Conde, que visitou as instalacións desta compañía no Incio (Lugo), apuntou ademais que a empresa, da que dependen 60 empregos directos e indirectos, “é un exemplo claro de fixación de poboación no rural”.

Tal e como sinalou o vicepresidente primeiro, a compañía vén de instalar 1 MW de enerxía solar fotovoltaica que permite substituír por autoconsumo arredor do 25 % do consumo enerxético da planta. Ademais, están a instalar outro megawatt tamén de enerxía fotovoltaica na mina. En total, estas actuacións supoñen un investimento de 1,4 millóns de euros, dos cales máis de 442.000 euros proceden de axudas da Xunta de Galicia.

A compañía extrae neste xacemento 70.000 toneladas de magnesita ao ano con aplicacións diversas: un 80 % da produción vai dirixido á industria alimentaria, como ingrediente para pensos de gando bovino. Tamén se usa en fertilizantes, tratamento de augas residuais, corrección do PH de solos agrícolas, na industria do papel ou no refinado de azucre.

Durante a súa visita, Conde fixo fincapé en que “é fundamental que toda a industria poida investir en eficiencia enerxética e polo tanto reducir os seus custos directos e ao mesmo tempo avanzar na sustentabilidade e na descarbonización dos seus procesos”.

Neste sentido, Conde apuntou que Magnesitas de Rubián non é só un referente no eido da eficiencia enerxética, investindo tamén noutras melloras no ciclo de produción, senón tamén desde o punto de vista ambiental, subliña que a Axenda da Minería Sustentable “vai na dirección que están marcando empresas como Magnesitas de Rubián”.

A través desta folla de ruta, que é froito dun traballo consensuado co sector, Galicia impulsa a modernización e o crecemento axeitado da minaría, que vai ter que actuar como provedor de minerais estratéxicos para a dixitalización.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis