Rueda anuncia que a Xunta activa apoios por 3,8 M€ para continuar avanzando na transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego

Venres, 19 Mai 2023 09:26
  • Resalta que nas próximas semanas vaise lanzar un programa de axudas para “impulsar proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable”.
  • Subliña que as axudas alcanzan o 90 % do investimento subvencionable e poden chegar ata 180.000 euros no caso de pemes comerciais e autónomos, e a 72.000 euros no caso das federacións de comerciantes.
  • Financiaranse aplicacións de big data e análise de datos para mellorar a experiencia da clientela; probadores interactivos; asistentes virtuais (chatbots) ou aplicacións de realidade virtual e aumentada.
  • Tamén se apoiarán, entre outras actuacións, sensores de presenza para a regulación automática de luces e sistemas de climatización.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai activar apoios por 3,8 millóns de euros para continuar avanzando na transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego. “Trátase dun novo programa para impulsar proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable entre pemes e autónomos”, indicou. Para iso, nas vindeiras semanas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o programa de axudas do Fondo tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.

Rueda subliñou que as axudas, que alcanzan o 90 % do investimento subvencionable, poden chegar “aos 180.000 euros no caso das pemes comerciais”, en función do número de traballadores. Os apoios poden chegar “aos 54.000 euros no caso das asociacións de comerciantes” con maior número de asociados, e chegar “aos 72.000 euros” no caso de federacións de ámbito provincial ou autonómico. Concederanse por orde de solicitude e abranguerán actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 29 de setembro deste ano.

No caso dos comercios, entre outras actuacións, o presidente indicou que vanse financiar “aplicacións de big data que son imprescindibles para facer estudos de mercado e coñecer os intereses da clientela; a instalación de probadores interactivos, asistentes virtuais e sistemas de realidade aumentada ou a instalación de sistemas de climatización enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces”.

No que respecta ás asociacións de comerciantes, poderán destinar as axudas á instalación de mupis dixitais, redes wifi nas áreas comerciais, procesos ecoeficientes para a correcta separación de residuos ou proxectos para mellorar a eficiencia enerxética, entre outros.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis