A Xunta destaca que as iniciativas participantes en ViaGalicia evidencian a calidade do emprendemento galego e a súa aposta pola transformación dixital

Mércores, 26 Mai 2021 12:00

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no Porto do Molle de Nigrán na xornada de presentación a investidores dos nove proxectos impulsados na sexta edición desta aceleradora promovida polo Goberno galego. As propostas que optan a seren financiadas ofrecen servizos e produtos innovadores en ámbitos como a seguridade dixital, a alimentación, a restauración, o turismo, as aeronaves e o coidado de animais.

Nigrán (Pontevedra), 26 de maio de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu esta mañá, no Porto do Molle de Nigrán, ao Investors Day de ViaGalicia, a xornada de presentación a investidores dos nove proxectos impulsados na sexta edición da aceleradora promovida pola Xunta de Galicia e Zona Franca de Vigo. No evento, Guldrís resaltou que estas iniciativas evidencian a calidade do emprendemento en Galicia e a súa aposta pola transformación dixital, a innovación, o impulso das tecnoloxías emerxentes e a orientación cara a oferta de servizos e produtos baseados nas novas necesidades dos clientes.

O director do Igape indicou ademais a oportunidade que, para os proxectos que chegaron á fase final do proceso de aceleración, supón optar a seren financiados polos 120 fondos e investidores nacionais e internacionais presentes na xornada. Así, as iniciativas abarcan propostas variadas como unha solución para a verificación segura de identidade en liña; a primeira aeronave híbrida; a elaboración de alimentos e repostería innovadores; novos servizos dixitais para persoas maiores e de oferta hostaleira; ou servizos e produtos innovadores para o coidado dos animais en explotacións gandeiras e para mascotas.

Na súa intervención, Guldrís subliñou tamén o papel de ViaGalicia no desenvolvemento do ecosistema galego de emprendemento. Desde a súa creación, a iniciativa leva contribuído á definición de 193 proxectos e a aceleración de 79 startups, das que case o 75% seguen en activo, co resultado de 400 novos postos de traballo creados.

Este foco de emprendemento complementa o resto de aceleradoras promovidas tamén pola Xunta de Galicia, entre as que destacan Connect-19, o programa especializado na comercialización de solucións innovadoras para a loita contra o impacto da covid-19; ou BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía que fomenta a innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes do sector biotecnolóxico. Ademais, a Administración autonómica ten en marcha outras business factories nos eidos da automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood) e a aeronáutica (BFAero), que integran a rede StartIN Galicia, rede de apoio ao empredemento en todo o territorio.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis