- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o presidente do Consello da Cámara de Comercio Polaco-Española, Stefan Bekir Assanowicz, asinaron esta semana o protocolo.
- En virtude deste acordo, Galicia e Polonia comprométense a organizar e promover visitas de delegacións empresariais e a intercambiar información sobre feiras internacionais.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o presidente do Consello da Cámara de Comercio Polaco-Española, Stefan Bekir Assanowicz, asinaron esta semana un convenio de colaboración para o desenvolvemento das relacións amistosas, os investimentos e o intercambio comercial entre o tecido empresarial galego e polaco.
En virtude deste acordo, Galicia e Polonia comprométense a intercambiar información sobre feiras internacionais, exhibicións e outras actividades de promoción comercial que teñan lugar nos seus respectivos ámbitos territoriais, así como a promover e organizar visitas de delegacións empresariais para impulsar a cooperación económico-comercial e o investimento.
De igual xeito, tanto a Xunta de Galicia, a través do Igape, como a Cámara de Comercio Polaco-Española, amosan a súa disposición a intercambiar publicacións e outros materiais sobre a economía e a política local e sobre as súas experiencias na promoción de investimentos estranxeiros.
Para o desenvolvemento destas actividades establecerase unha comisión mixta, de composición paritaria, que estará integrada por representantes de cada unha das institucións ás que corresponderá a concreción, o seguimento, a interpretación e a avaliación das accións derivadas do protocolo.
Polonia é o sétimo destino das exportacións galegas, que medraron o ano pasado un 21% con respecto ao 2021 e un 85% en relación a 2019. Durante 2022, foron 355 empresas galegas as que realizaron vendas a este destino, 12 con implantación comercial e tres con implantación produtiva.