A Xunta avoga por promover unha cadea de valor dixital, verde e resiliente para impulsar a transformación da automoción galega

Xoves, 20 Abril 2023 07:00
  • O Igape participa en Bruxelas na xornada ‘Co-creation roundtable on regional issues Mobility transition pathway’, onde salienta a importancia de avanzar cara a unha mobilidade con máis infraestruturas; na que se impulsen os vehículos non contaminantes; máis intelixente, cunha modernización da xestión do transporte público; e máis eficiente e segura.
  • Durante a mesa redonda afondouse tamén na importancia que neste proceso teñen os fondos Next Generation co obxectivo de levar a cabo os investimentos necesarios para a adaptación do sector a esta nova mobilidade eléctrica.

O Igape participou na xornada Co-creation roundtable on regional issues - Mobility transition pathway levada a cabo en Bruxelas, na que as rexións participantes, con ecosistemas destacados en automoción e mobilidade, están a avaliar as posibilidades que ofrece o proceso de transición da industria na procura de adaptarse á nova mobilidade sostible. Un escenario no que os representantes do Instituto adscrito a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación avogaron por impulsar a transformación da automoción galega a través dunha cadea de valor dixital, verde e resiliente.

Así, Norberto Penedo, director da Área de Competitividade, sinalou que o sector está a sufrir unha das transformacións máis grandes da súa historia nas que a transición xusta ou a electrificación son puntos centrais do cambio de paradigma actual. Un escenario no que a Unión Europea estase a mover rápido poñendo o 2035 como data marco para que os novos turismos e furgonetas no mercado da UE sexan de cero emisións.

Sobre esta base, expuxo a importancia de avanzar cara a unha mobilidade con máis infraestruturas; na que se impulsen os vehículos non contaminantes; máis intelixente, cunha modernización da xestión do transporte público; máis eficiente e segura; e máis competitiva, capaz de aproveitar ao máximo o potencial dos portos e as plataformas loxísticas.

Neste marco, os participantes na mesa redonda avanzaron cara un documento común que levará por título Final mobility transition pathway policy report, no que a Xunta incorpora tamén as achegas do propio sector da automoción galega a través do Ceaga.

Durante a xornada afondouse na importancia que, neste proceso, teñen os fondos Next Generation co obxectivo de levar a cabo os investimentos necesarios para a adaptación do sector a esta nova mobilidade eléctrica. Neste sentido, o Goberno galego reitera a necesidade de que o novo Perte do Vehículo Eléctrico ofreza certezas a un sector que, en Galicia, supón preto do 14 % do emprego industrial. 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis