A Xunta destina 1,3 millóns de euros á contratación de xestores de internacionalización para impulsar as vendas no exterior das pemes galegas

Mércores, 05 Abril 2023 19:10
  • A Xunta activa unha nova convocatoria dunha liña que facilita a incorporación ao mercado laboral de profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior co obxectivo de apoiar ao tecido empresarial na busca de novos mercados.
  • Desde o ano 2016 destináronse máis de 3,3 millóns de euros a un programa que ten permitido a contratación de preto de 200 xestores de internacionalización.
  • As axudas poderán alcanzar ata o 90% do custo de contratación dos xestores, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50% dos apoios.
  • A liña enmárcase na Estratexia de Internacionalización que impulsa o goberno galego co tecido empresarial da Comunidade, e que está a permitir acadar rexistros históricos nas vendas ao exterior, tendo en marcha nestes momentos outras accións como o Plan de Misións Comerciais.

O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova convocatoria do programa de xestores de internacionalización, que permite ás pemes participantes contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego. A convocatoria, que se publicará en vindeiras datas no DOG, busca así facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior.

Desta volta, a iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, destina 1,3 millóns de euros para fortalecer a especialización en comercio exterior e a contratación de preto de medio cento de xestores por un período de ata 18 meses.

Neste sentido, aquelas pemes que teñan o seu domicilio social e un centro de traballo en Galicia, e que acrediten ter en marcha un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior, poden presentar a súa solicitude na procura de obter tanto información sobre profesionais con formación especializada como apoio económico para para a súa contratación.

A iniciativa contribúe así á captación profesional de expertos en internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os xestores achegando os seus coñecementos e experiencia.

As axudas poderán alcanzar ata o 90% do custo de contratación dos xestores, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50% dos apoios. Así mesmo, os xestores, ademais de estar dados de alta como demandantes de emprego na data da contratación, deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou cun certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

Este programa suma desde o ano 2016 máis de 3,3 millóns de euros destinados a contratación de preto de 200 xestores, con formación en comercio exterior, que colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia en mercados de todo o mundo.

A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que acadan rexistros históricos. En concreto, Galicia pechou o 2022 cun récord histórico en exportacións con case 30.000 millóns, o que supuxo un 18,3% máis que no anterior exercicio. Cifra consolidada no inicio deste 2023 ao rexistrar o mes de xaneiro un incremento do 3,8% en taxa interanual, sumando 2.127 millóns en vendas ao exterior.

Neste marco cabe destacar tamén a aposta das empresas galegas pola busca de novos mercados: en 2022, un total de 8.496 compañías realizaron vendas no exterior; e as empresas galegas exportadoras regulares -aquelas que exportaron nos últimos 4 anos-, acadaron as 2.653, récord histórico tamén que supón un incremento anual do 3,5%.

No marco desta Estratexia, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ten en marcha outras iniciativas, como o Plan de Misións Comerciais, que destina 2,3 millóns de euros a accións de internacionalización do tecido produtivo galego na procura de impulsar, durante este ano, preto de 100 misións en máis de 30 países.

  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis