Rueda destaca o bo comportamento do sector galego da automoción, que pechou 2022 coa cifra de negocios no seu nivel máis alto e con récord de exportacións

Xoves, 23 Marzo 2023 12:55
  • O presidente da Xunta participou na clausura da asemblea do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).
  • Reclama que Stellantis Vigo poida acceder á nova convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado, tras quedarse sen asignar máis de 2.000 M€ de fondos europeos na primeira edición.
  • Solicita do Goberno central un trato xusto con Galicia, tendo en conta que a industria da automoción contribúe a que España sexa o segundo país produtor de Europa.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca o bo comportamento do sector galego da automoción, que pechou o 2022 coa cifra de negocios no seu nivel máis alto e con récord de exportacións. Na clausura da asemblea do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), o titular do Goberno autonómico solicitou do Goberno central un trato xusto con Galicia no reparto dos fondos europeos, tendo en conta que o este sector contribúe a que España sexa o segundo país produtor de Europa. 

Alfonso Rueda, que asistiu acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, puxo en valor os bos resultados do sector nun ano difícil para a automoción galega polos problemas de aprovisionamento, a suba de prezos das materias primas, a crise enerxética e a inflación. Malia todo, resistiu e pechou o último exercicio contable coa cifra de negocios no seu nivel máis alto e con récord de exportacións. Destacou, ademais, que Galicia lidera o ránking nacional e que o sector galego da automoción representa o 13,8 % do emprego industrial na Comunidade. Galicia, co grupo Stellantis á cabeza e con toda a súa industria auxiliar, fabricou o 19 % dos vehículos producidos en España. 

O presidente da Xunta pediu que, atendendo a estes datos, se actúe en consecuencia e que o Goberno central teña en conta o peso da automoción galega no reparto dos fondos Next Generation, “a maior oportunidade que ten ante si o sector”, subliñou. Nese sentido, aplaudiu que se anunciara unha segunda convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado, coa posibilidade de emendar os erros da primeira, pero pediu “resultados”. Alfonso Rueda, de feito, solicitou o apoio do sector para esixir ao Goberno que os máis de 2.000 millóns de euros que quedaron sen asignar no primeiro Perte Vec se repartan tendo en conta as necesidades e as oportunidades da automoción galega; especialmente, de Stellantis Vigo. 

Rueda confiou en que se manteñan os prazos e que a convocatoria non se retrase máis alá do mes de maio para que a factoría de Balaídos poida planificar novos investimentos na Comunidade. “Galicia, como principal produtora, quere ser parte da solución”, indicou.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis