A Xunta avoga pola innovación e a internacionalización do tecido produtivo para seguir construíndo unha Galicia chea de certezas

Sábado, 18 Marzo 2023 11:49
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, clausura o IV Congreso Nacional Interim Management onde pon en valor a raíz innovadora e sustentable que está a potenciar o Goberno galego para mellorar a competitividade do tecido empresarial, con liñas como a de economía circular que promove novos modelos de negocio mediante a optimización de recursos.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na clausura do IV Congreso Nacional Interim Management, celebrado no Pazo de Congresos de Santiago, onde resaltou a importancia da innovación e a internacionalización do tecido produtivo galego de cara a seguir construíndo unha Galicia chea de certezas. Guldrís apuntou que a economía está a potenciar unha “economía de oportunidades” capaz de situarse “á vangarda das innovacións para asegurar un futuro próspero”.

“As compañías están obrigadas a dispoñer de recursos que, quizais, eran impensables hai un tempo, e as administracións públicas temos a obriga de acompañar ao tecido empresarial, ofrecendo servizos e recursos para que logren solucións específicas e adaptadas á contorna”, afondou indicando que este é, precisamente, un dos fortes do Interim Management.

Neste contexto, o director do Igape puxo en valor a “raíz innovadora e sustentable” que está a potenciar o Goberno galego para mellorar a competitividade do tecido empresarial, con liñas como a de economía circular que promove novos modelos de negocio mediante a optimización de recursos.

Así mesmo, Guldrís sinalou que para lograr que as empresas compitan en mellores condicións, as administracións deben “poñer o foco na profesionalización e no desenvolvemento estratéxico dos negocios”, impulsando a dixitalización e a innovación do tecido produtivo. Sobre estes obxectivos, afondou, estase a ultimar a axenda industrial, “un ambicioso documento” co que se seguirá potenciando o binomio industria-sustentabilidade e a descarbonización das actividades económicas, ao tempo que se fortalece a I+D+i como vector da transformación da industria galega.
 
E na procura de promover tamén a competitividade das pemes, Guldrís avanzou que neste 2023 se lanzará unha nova convocatoria do ReAcciona, un programa que, como lembrou, pon a disposición das empresas galegas diferentes servizos para que analicen a súa posición actual e definan os pasos de mellora que deben seguir.
 
Ademais, Guldrís afondou na importancia do apoio para alcanzar novos mercados, o que está a permitir acadar “rexistros históricos nas exportacións galegas”. Neste marco, lembrou que acaba de lanzarse unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais que, co apoio das cámaras de comercio, impulsará este ano un cento de actuacións comerciais en 30 países.
 
Por último, o director do Igape agradeceu á Asociación Interim Management a súa aposta por Galicia, “onde comezou a súa andaina hai agora dez años, e onde celebra este Congreso que amosa un trazo común entre peregrinos e empresarios: o esforzo e compromiso de ambos por acadar a meta desexada”.
 
No encontro participou tamén a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, quen interveu nunha mesa redonda sobre oportunidades e retos na participación de proxectos europeos. Na súa intervención Argerey sinalou que o posicionamento en Europa das capacidades galegas de investigación e innovación é un dos obxectivos centrais da política de I+D+i do Goberno galego.
 
Neste sentido, sinalou que atraer investimento público e privado e incrementar a participación galega en programas nacionais, europeos e internacionais son algúns dos desafíos que propón a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), apuntando que os datos de retorno obtido polas entidades galegas nos programas marco de I+D+i europeos son un indicador destacado das capacidades e do nivel de excelencia global do ecosistema galego de innovación. Argerey lembrou que a Xunta presta apoio á participación galega en convocatorias europeas e internacionais a través de actuacións en distintos ámbitos: informativo, formativo, asesoramento e apoio económico.  
  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis