Conde pon Fenestra como exemplo de PEME que inviste en equipamento e enerxías renovables para adaptarse ao contexto actual

Martes, 14 Marzo 2023 13:11
  • Conde di que esta empresa, beneficiaria do programa Galicia Inviste, contribúe a que Monforte e toda a súa comarca fale máis en clave industrial.
  • Galicia Inviste leva apoiado a mobilización de 130 millóns de euros a través de 360 axudas concedidas -o 10 por cento corresponden á provincia de Lugo- desde a súa posta en marcha en 2018.
  • Adianta que a Xunta de Galicia xa está avanzando na tramitación das autorizacións e informes que van permitir que nas vindeiras semanas o proxecto do Grupo Indukern na comarca, cun investimento de máis de 30 millóns de euros, sexa unha realidade e poida comezar as obras de construción.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, puxo hoxe a empresa luguesa Fenestra como exemplo de peme que inviste en equipamento e enerxías renovables para adaptarse ao contexto actual e gañar en competitividade.

Nunha visita ás instalacións da firma asentada en Monforte de Lemos e especializada na fabricación de fiestras de pvc, Conde destacou o esforzo que Fenestra está a facer para optimizar os seus procesos de produción e para ser máis eficiente e reducir o custo enerxético. Un obxectivo común ao tecido empresarial galego que a Xunta de Galicia está apoiando a través do programa Galicia Inviste.

Segundo explicou, mediante esta orde apoios do Igape, a Administración autonómica pon á disposición das pemes galegas financiamento para proxectos de diversificación, mellora de procesos e produtos, maquinaria e equipamento, e tamén para o sector do aloxamento. Ademais, por primeira vez desde o ano pasado, pódense solicitar conxuntamente axudas e préstamos.

Desde que en 2018 se puxo marcha o programa Galicia Inviste, a través do Igape, leva mobilizado nestes catro anos 130 millóns de euros en 360 proxectos cun investimento público de 33 millóns de euros. Concretamente, na provincia de Lugo, a partir dun orzamento de 2,8 millóns de euros, mobilizáronse 10,8 millóns de euros para 37 iniciativas.

Fenestra é unha das empresas que se viu beneficiada por estas axudas, cunha mobilización de investimentos por máis de 260.000 euros para implantar unha soldadura de pvc que mellora a calidade e o acabado do produto. Ademais, no seu compromiso pola eficiencia enerxética, tamén instalou placas fotovoltaicas cunha axuda da Xunta de Galicia, a través do Inega, de case 8000 euros para un mobilizado de 20.000 euros.

Conde referiuse a Fenestra como “un exemplo claro de competitividade que está afrontado os retos actuais, xerando emprego e crecendo no rural, e permitindo que Monforte e toda a súa comarca fale máis en clave industrial”. Ao respecto, concluíu avanzando que a Xunta de Galicia xa está avanzando na tramitación das autorizacións e informes que van permitir que nas vindeiras semanas o proxecto do Grupo Indukern na comarca, cun investimento de máis de 30 millóns de euros, sexa unha realidade e poida comezar as obras de construción.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis