A Xunta apunta que Mindtech é o espazo idóneo para xerar sinerxías entre empresas tractoras e startups

Venres, 17 Febreiro 2023 15:09
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, interveu no acto de promoción internacional da feira, que se celebrará do 20 ao 23 de xuño en Vigo
  • Subliña que o encontro vai na liña da Axenda Startups, coa que se busca consolidar en Galicia un ecosistema de novas empresas tecnolóxicas ligadas aos retos da industria

  • Salienta que na terceira edición de Mindtech van estar moi presentes os retos da innovación, a dixitalización, a transición enerxética e a sustentabilidade

 

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe no acto de promoción internacional de Mindtech 2023 que este encontro, que se celebrará en Vigo do 20 ao 23 de xuño, é o espazo idóneo para xerar sinerxías entre empresas tractoras e startups da industria, sinalando así mesmo que vai na liña da Axenda Startups, coa que a Xunta busca consolidar en Galicia un ecosistema de novas empresas tecnolóxicas ligadas aos retos da industria. Precisamente este é un dos obxectivos que contan co apoio explícito da Xunta nesta feira a través do convenio asinado con Asime.

Durante a súa intervención, Conde reivindicou o xen industrial que Galicia leva no seu ADN, e salientou a importancia da colaboración público-privada como panca do tecido económico.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación destacou que o sector do metal representa o 20% do PIB de Galicia e que no 2022 supuxo o 35,4% do total das exportacións galegas. Francisco Conde subliñou que esta industria abarca un amplo número de actividades cun grao de interrelación e competitividade que o converten nun dos sectores con máis potencial para a innovación e para a diversificación de mercados e produtos, e lembrou o acompañamento que se está a facer desde a Xunta de Galicia ao naval, coa posta en marcha da oficina Conecta Naval; a automoción, con apoios por 100 millóns de euros en materia de innovación e coñecemento; e o aeroespacial e aeronáutico, co Polo Aeroespacial de Galicia, entre outros eidos de actividade.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación salientou que na terceira edición de Mindtech van estar moi presentes os retos da innovación, a dixitalización, a transición enerxética e a sustentabilidade, resaltando que neste encontro vai quedar de manifesto o esforzo e a capacidade coa que a industria galega, co apoio das Administracións, lles está dando resposta.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis