A Xunta apoia 723 proxectos de mellora da competitividade das pemes galegas a través do programa ReAcciona

Luns, 15 Marzo 2021 12:00

As axudas aprobadas nas catro convocatorias de 2020 desta liña van mobilizar máis de 3M€, achegando respostas ao tecido empresarial sobre como afrontar o novo contexto económico provocado pola covid-19. As pequenas e medianas empresas acceden a servizos de asesoramento especializado en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a dixitalización e a innovación. Coordinada pola Vicepresidencia económica e a Amtega, esta iniciativa enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que reforza o soporte aos colectivos empresariais máis vulnerables.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia vén de aprobar a concesión das axudas da última convocatoria de 2020 do programa ReAcciona, que permitirá mobilizar 800.000 euros en 191 proxectos para mellorar a competitividade das pemes galegas. Con esta resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), son 723 os proxectos apoiados por esta liña durante o pasado ano, cunha achega global de axudas de preto de 2,8 millóns de euros que permitirán mobilizar 3,14 millóns.

Os beneficiarios do ReAcciona, que busca achegar as respostas que precisa o tecido empresarial no novo contexto da covid-19, accederán a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.

Entre os proxectos que se veñen de aprobar na última das convocatorias de 2020, destacan o asesoramento para o financiamento da innovación, protección da innovación, a mellora da xestión financeira e procura de financiamento; a análise do potencial competitivo; a definición e implantación dunha estratexia de ciberseguridade para a peme e o asesoramento para o relanzamento comercial. Por sectores, ao redor dun 38% dos apoios aprobados desenvolveranse no ámbito dos servizos, un 29% no comercio, un 20% na industria, un 9% na construción e un 4% na hostalería.

Na iniciativa colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e conta co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que busca reforzar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais máis vulnerables ante a actual situación económica.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis