A Xunta avoga pola cooperación para impulsar un ecosistema que mesture talento e innovación para mellorar a competitividade do tecido empresarial

Venres, 27 Xaneiro 2023 15:03
  • Os directores do Igape, Fernando Guldrís, e de XesGalicia, Rubén Aguión, manteñen un encontro con membros do equipo directivo de Enisa (Empresa Nacional de Innovación).
  • Destacan a nova Axenda Startups que busca crear un centenar de novas empresas e acelerar 200 startups entre este ano e o que vén.
  • “Queremos alentar o talento innovador, dando continuidade a proxectos como as business factories, que sumarán novos campos”, salienta Guldrís.

O director do Igape, Fernando Guldrís, e o director de XesGalicia, Rubén Aguión, acompañados pola subdirectora de Investimentos e Startups do Igape, Fany Suárez, mantiveron hoxe un encontro con Jordi García, director de Fomento do Ecosistema Emprendedor de Enisa (Empresa Nacional de Innovación, S.A.), e Juan Manuel Garrido, director de Operacións, no que afondaron na importancia de impulsar un ecosistema que mesture talento e innovación para mellorar a competitividade do tecido empresarial.

A xuntanza permitiu poñer en valor a cooperación entre administracións na procura de configurar o mellor ecosistema posible sobre a base da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade, atraendo talento e capital internacional. Neste contexto, o director do Igape sinalou que “impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”, defendendo a importancia de “tomar a creatividade e o talento como punto de partida, e a tecnoloxía como ferramenta clave”.

Sobre estes eixos, expuxo, susténtase a Axenda Startups de Galicia, coa que o Goberno galego aspira a crear un centenar de novas empresas e acelerar 200 startups durante este ano e o que vén, promovendo desde xeito un ecosistema innovador con capacidade para mellorar a competitividade do tecido produtivo.

“Queremos alentar o talento innovador, dando continuidade a outros proxectos como as business factories, que sumarán novos campos como foodtech, biotech, healthtech, edtech, climatetech, loxística ou as cadeas de subministracións”, salientou Guldrís.

Deste xeito, complementarase a rede de aceleradoras actual, que inclúe as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutica (BFAero) ou novos fármacos (BFMedicine); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; ou a incubadora de alta tecnoloxía en biotecnoloxía (BioIncubaTech).

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis