IG299 - AXUDAS EXTRAORDINARIAS Á INDUSTRIA DA AUTOMOCIÓN EN GALICIA (2024) - LIÑA A: INVESTIMENTOS (IG300I)
Finalidade / Obxectivo
Apoiar á industria da automoción galega na transición á mobilidade sustentable.
• Liña A:
- Investimento: axuda sobre o volume de investimento en equipamentos, sistemas ou obras.
- Consultaría: axuda sobre a elaboración de proxectos de futuro ante a transición do sector.
Tipos de apoio
Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.
Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas da Liña A encádranse nas axudas de mínimis.
Beneficiarios potenciais
1. As empresas industriais do sector de automoción galegas ou cun centro de traballo en Galicia.
Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade se desenvolva no CNAE 29, en calquera dos seus subepígrafes e tamén aquelas empresas que non estando dadas de alta en actividades do CNAE 29 senón en actividades industriais xenéricas, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable do solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar antes do 16 de decembro de 2024 o cumprimento dos prazos legais de pago mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.
d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao corrente de débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.
Sectores incentivables
Automoción.
Requisitos principais do proxecto
O importe mínimo de custo subvencionable total deberá acadar 100.000 €.
Investimentos ou gastos computables
1. Conceptos subvencionables:
a) Investimento en activos fixos tanxibles e intanxibles nos que incorra a empresa dende o 1 de xaneiro de 2024 e anteriores á data de solicitude, podendo tamén incluír investimentos a realizar ata o 16 de decembro de 2024.
• Compra de maquinaria ou bens de equipo.
• Obras de reforma e rehabilitación de naves ou espazos produtivos.
• Programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).
• Outros investimentos en activos fixos.
b) Custos de elaboración de estudos ou análises de transición cara á mobilidade sostible ou calquera tipo de consultaría estratéxica que impulse a competitividade da empresa, realizados entre o 1 de xaneiro e a data de solicitude, ou ben pendentes de elaboración (en cuxo caso deberá estar rematado antes do 16 de decembro de 2024).
2. Condicións:
O importe mínimo de custo subvencionable total deberá acadar 100.000 €.
Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
Non será subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.
Contía das axudas
Concederase unha axuda do 70% ata un máximo de 300.000 € para os custos subvencionables incorridos pola empresa durante o período subvencionable, que abarca dende o 1 de xaneiro de 2024 ata o remate das actuacións propostas, que non deberá sobrepasar en ningún caso o 16 de decembro de 2024.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 09:00 horas do día 8 de xullo de 2024 e rematará ás 14:00 horas do 31 de outubro de 2024, agás que se produza o esgotamento do crédito.
Incompatibilidades
Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado sempre que a intensidade de axuda acumulada non supere o importe da actuación.
Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape ou do Inega para os mesmos gastos e investimentos.
Ao estar as axudas da Liña A suxeitas ao réxime de mínimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de mínimis non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda.
Referencia lexislativa
Resolución do 1 de xullo de 2024 (DOG Nº127 do 02/07/2024) - Bases reguladoras
Resolución do 15 de novembro de 2024 (DOG Nº225 do 21/11/2024) - Ampliación de crédito
Información e tramitación
• Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
• Tramitación: A xestión completa da Liña A corresponderalle ao Igape.
1. Formulario previo: as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.
Cada empresa, por cada centro de traballo, só poderá presentar unha solicitude de axuda á Liña A
2. Solicitude: a solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I para a Liña A e II para a Liña B) que se obterán na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante, deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude.
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación, xunto coa documentación complementaria indicada nas disposicións específicas de cada liña:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa.
b) Ofertas: agás para os gastos e investimentos realizados antes da solicitude, as tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables proxectados superen o importe do contrato menor (igual ou superior a 15.000 € ou de 40.000 € no caso de obra civil) Deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou fornezan.
Documentación complementaria:
1. Para investimentos e gastos realizados antes da data de solicitude de axuda:
a) Documentación xustificativa do gasto: documentos facturas ou documentos de valor probatorio equivalente.
b) Documentación xustificativa do pagamento:
1º Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante.
2º Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.
c) Plan e proxectos de futuro para a empresa ante a transición do sector cando a actuación subvencionable conteña a súa elaboración, no caso de terse realizado e rematado antes da data de solicitude.
d) Fotografías dos investimentos realizados instalados no establecemento.
2. Para investimentos e gastos proxectados para executar con posterioridade á data de solicitude e ata o 16 de decembro de 2024:
Listaxe completa dos gastos e investimentos previstos, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.
Observacións
O prazo máximo de execución e xustificación rematará o 16 de decembro de 2024.
Cando tódolos gastos e investimentos sexan anteriores á data de solicitude de axuda resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude, unha vez comprobada a xustificación dos gastos e investimentos realizados, presentada coa solicitude.
Cando o proxecto non estea realizado ou rematado á data de solicitude, resolverase a concesión de axuda e o anticipo do 100% da axuda, e unha vez comprobado o cumprimento de todos os requisitos establecidos nas presentes bases para o seu pagamento.
Neste caso, antes do 16 de decembro de 2024, a persoa beneficiaria deberá presentar toda a documentación xustificativa dos gastos e investimentos subvencionados.