IG288 - AXUDAS Á IMPLANTACIÓN DE SOLUCIÓNS AVANZADAS PARA O DESENVOLVEMENTO DA ECONOMÍA CIRCULAR (2023)

Finalidade / Obxectivo

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e a implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, que acaden reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos.

Esta convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-27, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 40 % restante. En particular:
Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnnoloxías da información e das comunicacións.
Obxectivo específico 1.3: o reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes, e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.
Actuación 1.3.01.: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade, e a creación e o mantemento do emprego.
Campo de intervención TI0021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:
a) Indicadores de realización:
RCO01-Empresas apoiadas.
RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.
b) Indicadores de resultado:
RCR02-Investimentos privados que acompañan o apoio público.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia competitiva susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pemes, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.b).

3. Para poderen solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída, polo menos, por tres pemes con centro de traballo en Galicia. Deberanse facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder). No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.
No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán coma unha única para efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas están vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.
b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos) que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.
c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise.
e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
f) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Requisitos principais do proxecto

1. A posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e a implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, que acaden reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos de simbiose industrial nos cales un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

b) Proxectos individuais nos cales unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

2. Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b), débense dirixir a un ou varios dos seguintes obxectivos:

1. Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:
– Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.
– Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).
– Monitorización e control de procesos.
– Medición, monitorización e redución da pegada de carbono e pegada hídrica.

2. Reducir a xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade destes e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:
– Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.
– Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.
– Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.
– Ecodeseño: para a redución, reutilización e reciclaxe.

3. Análise do ciclo de vida do produto:
– Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.
– Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sustentable baseadas no principio «berce a berce».

4. Identificación e implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reutilización e reparación dos produtos.

5. Servitización: redución do consumo de recursos co cambio de enfoque á prestación de servizos.

6. Reacondicionamento, remanufactura e reparación avanzada.

7. Creación de cadeas de valor máis curtas.

No anexo V destas bases reguladoras recóllense as definicións dos conceptos básicos que se utilizan para definir estes obxectivos.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

3. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables para a empresa solicitante e, ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración os seguintes:

– Adecuación do proxecto aos obxectivos da convocatoria.
– Requisitos de personalidade física ou xurídica e actividade económica dos solicitantes para seren beneficiarios.
– Contía total dos investimentos subvencionables superior aos importes mínimos fixados.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores e procederase á súa valoración competitiva conxunta.

4. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 € para os proxectos individuais e de 10.000 € por participante para os proxectos colectivos.

6. En cumprimento do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos deberán acadar as seguintes puntuacións mínimas para poderen optar á concesión da axuda en réxime de concorrencia competitiva:

Modalidades dos artigos 1.a): 60 puntos.
Modalidades dos artigos 1.b): 40 puntos.

Investimentos ou gastos computables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

a) Activos materiais e inmateriais (que para seren subvencionables se deben contabilizar nunha conta contable do grupo 2):

i. Sensores, equipamentos e sistemas para a medición, monitorización, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.

ii. Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos hidrícos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos, así como os gastos de desenvolvemento do dito software. En ningún caso serán subvencionables os gastos de mantemento ou o canon dixital.

iii. Nova maquinaria e bens de equipamento, unicamente no caso de que se trate de equipamentos destinados á reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.

b) Servizos de consultoría externa de carácter tecnolóxico, de deseño de procesos ou produtos máis eficientes, ou organizativo (que para seren subvencionables se deben contabilizar nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica, ecodeseño, reenxeñaría de procesos. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa, como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outro non vinculado directamente co obxecto da economía circular, previsto no proxecto.

Os conceptos subvencionables poderanse reclasificar de oficio atendendo á súa descrición.

Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

Así mesmo, non serán subvencionables aquelas colaboracións externas en que non se indiquen con claridade o resultado que se pretende obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

O importe subvencionable das colaboracións externas non poderá superar o 60 % do importe total subvencionable.

Nos proxectos da modalidade do artigo 1.a), se se opta por contar cun organismo intermedio, serán subvencionables os gastos de coordinación do proxecto ata un máximo de 1.000 €/empresa (IVE excluído) participante no proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa e dividirase entre todas as pemes participantes.

2. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar una contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % do importe subvencionable, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos importes alegados sobre os cales se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Para tal efecto, o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data para a execución dos proxectos, establecida na resolución de convocatoria.

5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto.

6. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros.

7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os tres (3) anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.

9. No caso de investimento en activos intanxibles, para seren considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador. Esta cuestión acreditarase coa declaración expresa do beneficiario no formulario de solicitude de cobramento.

10. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e entenderase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

11. En ningún caso o importe de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

12. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

Contía das axudas

A subvención será do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas.

A subvención será do 50 % dos gastos servizos de consultoría subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no artigo 3.1.f), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.

O importe máximo de subvención será de 200.000 € para proxectos colectivos e de 75.000 € para proxectos individuais.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o dito prazo dun mes.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 6 destas bases, cos límites previstos no artigo 5.2.

Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no Regulamento (UE) nº 2021/1060, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou máis fondos ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión. En tales casos, o gasto declarado nunha solicitude de pagamento para un dos fondos non se deberá declarar con ningún dos seguintes fins:
a) Para conseguir unha axuda doutro fondo ou instrumento da Unión.
b) Para conseguir axuda do mesmo fondo no marco doutro programa.

O importe do gasto que se debe consignar nunha solicitude de pagamento dun fondo poderá ser calculado para cada fondo e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, de conformidade co documento en que se establezan as condicións da axuda.
A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberáselle comunicar ao Igape tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 29 de decembro de 2022 (DOG Nº21 do 31/01/2023) - Bases reguladoras e convocatoria 2023
Resolución do 29 de decembro de 2022 (DOG Nº26 do 07/02/2023) - Corrección de erros

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, o representante do grupo deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias dos alumnos/as e do proxecto co que opta aos premios a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular non poderá superar o 15 de setembro de 2024.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de setembro de 2023 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de setembro de 2023 ou anterior, e como máis tarde o 15 de setembro de 2024 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de setembro de 2023 e o 31 de decembro de 2023 poderán ser imputados a 2024.

Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención, sen que supere o importe da anualidade, no prazo de tres (3) meses contados desde a concesión da axuda. Os importes anticipados na anualidade 2023 débense xustificar con gastos realizados e pagados na mesma anualidade.