INVITACIÓN A GRANDES EMPRESAS A MANIFESTAR O SEU INTERESE NA REALIZACIÓN DE PROXECTOS TRACTORES NOS TERRITORIOS DE TRANSICIÓN XUSTA DE GALICIA (2022)

Finalidade / Obxectivo

A Xunta de Galicia, co obxectivo de favorecer o desenvolvemento económico e o mantenemento do emprego nos territorios afectados, identificará as actuacións e medidas que garantan a minimización dos impactos negativos do peche das centrais e que contribúan á transformación do tecido empresarial nestas zonas. Para isto, identificaranse grandes proxectos tractores que impulsen o reforzo de iniciativas empresariais de pequenas e medianas empresas que, conxuntamente, conformen un plan de desenvolvemento territorial sostible e garante do mantemento do emprego nestes territorios.

Tipos de apoio

Manifestacións de Interese de grandes empresas para a realización de proxectos tractores nos territorios de Transición Xusta de Galicia.

Beneficiarios potenciais

Grandes empresas

Cualificación requerida do proxecto

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), organismos dependentes da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, conxuntamente co Instituto para a Transición Xusta, O.A., estudiará as manifestacións de interese recibidas, avaliando a súa viabilidade e compatibilidade coa normativa de axudas de Estado e co Regulamento FTX.

Incorporarase ao PTTX a relación das grandes empresas susceptibles de recibir apoio.

Investimentos ou gastos computables

O Regulamento FTX dispón que, en zonas designadas como asistidas o FTX poderá apoiar investimentos produtivos en empresas distintas das pemes, a condición de que ditos investimentos foran aprobados como parte do Plan Territorial de Transición Xusta (en diante, PTTX). Estes investimentos só serán admisibles se son necesarios para a execución do PTTX, cando contribúan á transición a unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050 e a lograr obxectivos ambientais conexos, cando o seu apoio sexa necesario para a creación de emprego no territorio identificado e cando non conduzan a reubicacións,

Os investimentos produtivos en grandes empresas só poderán ser cofinanciadas co FTX se se dan as seguintes condicións:

• Son necesarias para a execución do Plan de Transición Xusta,
• Contribúen á transición dunha economía da UE climaticamente neutra para 2050, e a lograr obxectivos ambientais conexos, e
• Demóstrase que, en ausencia do investimento, as perdas esperadas de postos de traballo superarían o número previsto de postos de traballo creados (creación de emprego neto).

A normativa europea de Axudas de Estado, é de plena aplicación, polo que deben respectarse os limiares máximos de contías e as intensidades de axuda autorizadas para cada réxime de axudas e, en particular, para as axudas de finalidade rexional, no mapa de axudas rexionais que se atope en vigor tras a aprobación do PTTX.

a. Axudas de finalidade rexional

Para grandes empresas a intensidade máxima de axuda de finalidade rexional na provincia de A Coruña será do 15%, e poderá concederse no caso de:

1. Investimentos iniciais en favor dunha nova actividade económica, entendendo por tales:

a) O investimento en activos materiais e inmateriais relacionado coa creación dun novo establecemento, ou a diversificación da actividade dun establecemento, a condición de que a nova actividade non sexa unha actividade idéntica ou similar á realizada anteriormente no establecemento.

b) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechou ou que pecharía se non fose adquirido e que é comprado por un investidor non vinculado ao vendedor, a condición de que a nova actividade que vaia a realizarse non sexa idéntica ou similar á realizada polo establecemento con anterioridade á adquisición.

2. Investimentos iniciais consistentes en investimentos en activos materiais e inmateriais para a diversificación da produción dun establecemento para a fabricación de produtos que antes non se producían nel ou para introducir un cambio fundamental no proceso de produción global do produto ou produtos afectados polo investimento nese establecemento.

b. Axudas para a protección do medio ambiente.

Investimentos para a xestión e valorización residuos, así como a promoción da enerxía procedente de fontes renovables, de acordo co previsto no RGEC.

A identificación dos proxectos de investimento produtivo de grandes empresas a incluir no PTTX debe levarse cabo mediante un proceso transparente, e non vinculante.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para que as grandes empresas que así o desexen poidan achegar as súas propostas de proxectos tractores comezará o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e rematará o 23 de xuño de 2022.


Referencia lexislativa

Resolución do 2 de xuño de 2022 (DOG Nº106 de 03/06/2022) - Manifestación de interese

Información e tramitación

* TRAMITACIÓN:

As grandes empresas interesadas deberán cubrir o formulario que se adxunta como ANEXO I. As manifestacións de interese deberán dirixirse telemáticamente ao Igape mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:

- https://sede.xunta.gal (servizo PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

- http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1 - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado)

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]