IG220 - PROGRAMA DE ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACIÓN (2018)
Finalidade / Obxectivo
O obxecto destas bases é a convocatoria de 40 prazas para a capacitación de xóvenes profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.
Tipos de apoio
O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Beneficiarios potenciais
1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1983.
2. Posuír a nacionalidade española e nacido en Galicia; ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e nacido en Galicia ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.
3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:
a) Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): administración e dirección de empresas, ciencias do transporte e loxística, ciencias económicas e empresariais, ciencias empresariais, ciencias políticas, comercio, comercio exterior, dereito, dirección e creación de empresa, dirección de empresas-BBA, dirección financeira e contabilidade, economía, enxeñaría, estatística e empresa, marketing e dirección comercial, marketing e investigación de mercados, relacións internacionais. Ou outras con distinta denominación pero de contidos similares ás citadas.
b) Formación profesional: Técnico superior en comercio internacional.
c) Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña ademais de título de máster en comercio internacional.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster non se require que estean homologados.
4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).
Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame no que os aspirantes deberán demostrar como mínimo nivel B1 do marco común europeo de referencia para as linguas.
Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B1 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.
Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos que queiran examinarse, de cara a ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son: chinés, alemán, francés e portugués.
5. Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego de Galicia, antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.
6. Cumprir os requisitos do art. 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.
7. Non ter desfrutado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas con posterioridade.
8. Non ter desfrutado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos de Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
9. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.
Requisitos principais do proxecto
A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de doce meses contados desde a data de comezo que para tal efecto fixe a resolución de concesión. E poderán ser prorrogadas polo Igape por un máximo de ata doce meses adicionais en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa tivera comezado ou estivera a piques de comezar.
A formación práctica levarase a cabo no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas do Igape ou Xunta, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro), para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.
Cualificación requerida do proxecto
Todos os aspirantes que presentasen a súa solicitude en prazo, serán convocados a probas eliminatorias de inglés e dos idiomas adicionais indicados na solicitude (chinés, alemán, francés e/ou portugués), que constarán dunha parte escrita e outra oral, nas datas, horarios e lugares de realización que se comunicarán no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, cun mínimo de cinco días de antelación e poderán celebrarse en calquera data a partir do día seguinte á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As probas de idiomas terán lugar en Santiago de Compostela, correndo por conta da persoa solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.
Serán aptos os que demostren un nivel mínimo B1 tomando como referencia o marco común europeo de referencia para as linguas e, dentro da cualificación de apto obterase unha puntuación segundo o nivel máximo acadado (nivel B1, nivel B2 ou nivel C1).
a) Proba de inglés; nivel B2: 8 puntos; nivel C1: 10 puntos.
b) Resultado proba de idioma adicional 1 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).
c) Resultado proba de idioma adicional 2 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).
d) Resultado proba de idioma adicional 3 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).
e) Formación específica de posgrao en comercio exterior (máximo 30 puntos nesta epígrafe). Obterá 5 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 15 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 30 puntos por máster. No caso de titulacións universitarias non preferentes (art. 4.3), o máster en comercio exterior non puntúa por ser condición necesaria. Polo que se refire a esta formación pode exixirse por parte do Igape información adicional da súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores...).
f) Outra formación de posgrao relacionada coa xestión empresarial (máximo 15 puntos nesta epígrafe). Obterá 2 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 5 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 10 puntos por máster. Polo que se refire a esta formación pode esixirse por parte do Igape información adicional da súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores...).
A suma total destas puntuacións será como máximo de 100 puntos.
Contía das axudas
Para a dotación (tanto para a dotación inicial como para a prórroga) terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos polo ICEX.
a) O importe máximo de subvención por bolseiro é de 42.000 euros por un período de 12 meses ou a súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estancia en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención se detraerán a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á seguridade social aplicables segundo a lexislación vixente.
Considéranse incluídos dentro da subvención -e dentro do límite máximo dos 42.000 euros- todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento. A subvención inclúe unha contía semestral máxima de 1.000 euros por bolseiro -que se revisará ao termo de cada semestre a efectos de novas dotacións semestrais en función da execución do semestre anterior e previa solicitude motivada do bolseiro (no anexo II)- en concepto de gastos de taxas de visado e gastos de desprazamento a eventos, empresas ou entidades distintas do destino asignado, relacionados co obxecto da bolsa (avión, tren, autobús, hotel, taxi, aparcadoiro, autopista, compensación por quilometraxe), así como cursos de idiomas no país de destino previa autorización do Igape. Estes importes serán abonados polo Igape ao bolseiro unha vez sexan autorizados polo Igape, realizados e correctamente xustificados. Cando o medio de transporte sexa o vehículo particular, serán abonados os quilómetros recorridos a razón de 0,19 euros por Km percorrido. O desprazamento mediante vehículo propio só é posible en Galicia.
b) Gastos de desprazamento: unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, no caso de cambio de destino –mediante nova resolución que implique máis dunha viaxe de ida e retorno previstos na dotación da bolsa, no período inicial ou no período de prórroga– o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, previa presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.000 euros se é o mesmo continente e 1.500 euros se se traslada a outro continente. Estes importes –ao ser circunstancias excepcionais– non están incluídos dentro do límite máximo da bolsa.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Incompatibilidades
As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro. Así mesmo, son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.
Referencia lexislativa
Resolución do 13 de abril de 2018 (DOG Nº80 do 25/04/2018) - Bases reguladoras
Resolución do 13 de abril de 2018 (DOG Nº89 do 09/05/2018) - Corrección de erros
Información e tramitación
Información: 900 81 51 51
Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Os solicitantes que presenten a solicitude por vía electrónica deberán posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Acreditación dos requisitos mínimos.
1º Currículo vitae.
2º Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).
3º Vida laboral da persoa solicitante posterior á data de publicación das bases no DOG.
4º Resgardo de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.3, en defecto do título. A formación deberá estar finalizada antes da data de presentación da solicitude.
b) Acreditación dos requisitos baremables:
1º Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 9.3.e): Copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.
2º Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 9.3.f): Copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.