IG235 - AXUDAS FOEXGA (FOMENTO DAS EXPORTACIÓNS GALEGAS) 2024

Fora de prazo

Finalidade / Obxectivo

O obxectivo principal destas axudas é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

As actuacións que engloban están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.

As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis.

A convocatoria de axuda proposta ten un custo de 2.380.000 € no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento Feder do 60 %, computándose como cofinanciamento nacional polo 40 % restante, parte de cofinanciamento público do Igape e o investimento privado elixible dos beneficiarios.

En particular:
Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica, innovadora e intelixente, e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Prioridade P1A Transición dixital e intelixente.
Obxectivo específico 1.3: reforzar o crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.
Actuación 1.3.03: axudas á internacionalización de empresas galegas.
Ámbito de intervención 021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de pemes, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización, con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) As persoas beneficiarias deberán contar con presenza nos medios dixitais internacionais, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.

e) As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiarias da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

f) As persoas beneficiarias sométense ao rexime de minimis, segundo o recollido no artigo 2.3 destas bases.

g) Estaren ao día nos pagamentos debidos ás cámaras.

h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención; no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa, tanto directa como indirecta, na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros do órgano de goberno, directivos ou xestores.

i) Que cumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Sectores incentivables

Todos

Requisitos principais do proxecto

1. Serán subvencionables as seguintes actuacións de internacionalización organizadas e executadas por unha entidade colaboradora adherida en que participen un mínimo de dúas empresas, aínda que só unha teña dereito a subvención por estas bases:

a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais, misións institucionais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro), só en formatos presenciais e sempre que leven aparellados o desenvolvemento dunha axenda empresarial. Exceptúanse deste requisito de axenda as misións que teñan por obxecto visitas a feiras e a participación nas misións institucionais.

b) Participación presencial en feiras ou noutros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro, así como aqueloutros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que, aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indubidablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.

Estas actuacións deberán executarse preferentemente nos países que se recollen no anexo IV.

Investimentos ou gastos computables

Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan de xeito indubidable á natureza da actuación subvencionada, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o cal foron concibidos e sexan facturados polas entidades colaboradoras. Os gastos clasifícanse en:

CUSTOS DIRECTOS:

• Cotas de inscrición nos eventos promocionais non expositivos dos citados no artigo 3.1.b), así como custo das entradas a feiras, congresos ou eventos de recomendado interese e incluídos no programa da actuación.
Cota ou fee de inscrición ou entradas cun límite de 2.000 € por evento.

• Asistencia externa en destino para a realización de axendas e para organización da acción.

• Gastos de intérpretes para accións individuais e conxuntas.

• Aluguer do espazo, stand e/ou salas para a realización da acción, gastos de decoración básica, aluguer de mobiliario, gastos de subministracións básicas no stand (luz, auga, limpeza), inserción no catálogo de expositores e outros gastos de servizos inherentes ao evento expositivo.

• Gastos de envío de mostras sen valor comercial e catálogos co seu seguro correspondente.

• Viaxe dunha persoa da peme participante (2 persoas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b).
Cos límites do anexo V.
Datas da viaxe subvencionable: entre a data da convocatoria e a data límite de presentación da solicitude de cobramento. Só se subvencionarán os gastos correspondentes a avión, tren e/ou autobús.
Só se subvencionarán este tipo de custos cando a persoa que viaxa sexa persoal propio da empresa, ou forme parte do seu consello de administración.

• Aloxamento dunha persoa da peme participante en réxime de aloxamento ou aloxamento e almorzo (2 persoas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b).

Só se subvencionarán pernoitas comprendidas entre as datas das actuacións cun máximo de 5 pernoitas (7 pernoitas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b) e tendo en conta os límites indicados no anexo V.
No caso de accións en máis dun país, engadiranse un máximo de 3 pernoitas máis subvencionadas por país, cun máximo total de 12 pernoitas.
Só se subvencionarán este tipo de custos cando a persoa que viaxa sexa persoal propio da empresa, ou forme parte do seu consello de administración.

• Traslados grupais.
Só se subvencionarán os traslados que sexan contratados e facturados á cámara como organizadora; inclúense todos aqueles traslados en grupo que se realicen no marco da acción, incluídos os traslados desde e ata o aeroporto, así como traslados desde ou ata lugares onde se celebren reunións ou eventos incluídos no programa conxunto da acción. Quedan excluídos os traslados individuais de calquera tipo.

• Taxa de visado e seguro de viaxe, incluídas as coberturas de cancelación, e custo de realización de probas PCR ou similares sempre que se consideren obrigatorias para a realización da viaxe, dunha persoa da peme participante. No caso das actuacións das citadas no artigo 3.1.b), dúas persoas por peme participante.
Servizos prestados directamente pola entidade colaboradora organizadora da acción

• Gastos de organización da acción, información e asesoramento á peme (dossier de mercado, asesorías telefónicas, reunións previas, seguimento da axenda de entrevistas, elaboración de listas, informes e todas aquelas precisas para a eficiente organización da acción e a xestión da subvención para a peme).
Máximo de 1.200 €. Este límite será de 600 € naquelas accións excepcionais descritas no artigo 3.1.a) que non leven aparellado o desenvolvemento dunha axenda empresarial.

• Parte proporcional do servizo de apoio técnico en destino.
Límites: 600 euros/día por acción con independencia do número de pemes participantes.
A prestación deste servizo por parte da entidade colaboradora será obrigatoria en calquera actuación agrupada cunha participación igual ou superior a 4 empresas. Poderase solicitar a excepción desta obriga, que se poderá acordar cando polas características da actuación se desprenda que non achega valor engadido a actuación.
Parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento das persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo de acompañamento, incluídos os seguros de viaxe, as probas PCR ou similares, e os visados correspondentes.
Só se subvencionarán pernoitas comprendidas entre as datas das actuacións cun máximo de 5 pernoitas (7 pernoitas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b) e tendo en conta os límites indicados no anexo V.

* Límites máximos de gasto subvencionable por todos os conceptos.

Por cada peme beneficiaria e por cada misión en que participe: 8.000 €.

Por cada peme beneficiaria e por cada evento expositivo en que participe: 32.000 €.

CUSTOS INDIRECTOS:
Determinados mediante un método de custo simplificado consistente nun tipo fixo do 7 % dos custos directos subvencionables.
Serán aqueles custos distintos dos custos directos subvencionables, que non poden vincularse directamente á actividade subvencionada pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), subministración (comunicacións, auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, mantemento ou limpeza.

Contía das axudas

A contía da axuda será dunha subvención do 70 % dos custos directos subvencionables. Ademais, engádese a subvención dos custos indirectos do proxecto, correspondente a un tipo fixo do 7 % sobre os custos directos subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de adhesión das entidades colaboradoras será de 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda (código IG235) iniciarase o día seguinte hábil ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras, contado desde as 8.00 horas do día do inicio do prazo, e finalizará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.


Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos fins.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca e da acuicultura o límite redúcese a 40.000 euros. E para as empresas do sector agrícola o límite redúcese a 20.000 euros.

Referencia lexislativa

Resolución do 8 de marzo de 2024 (DOG Nº52 do 13/03/2024) - Bases reguladoras

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:
As entidades colaboradoras son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

As entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do proxecto para o que solicitan a subvención e o orzamento de gastos a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual
O Igape publicará na súa páxina web https://www.Igape.gal/gl/pemes-e-autonomos/internacionalizacion a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Observacións

Poderán ser entidades colaboradoras as cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación galegas, que son corporacións de dereito público que se configuran como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo, e que o soliciten nos prazos que se indican na convocatoria.

O prazo de execución de cada actuación iniciarase na data de solicitude e rematará no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación, prazo en que se deberá presentar a solicitude de cobramento.
Este prazo non poderá exceder do 30 de novembro de 2024, para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data, e do 31 de marzo de 2025, para solicitudes con accións que se realicen ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. As accións realizadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputadas ao 2025.