A Xunta destaca que o éxito dos tres novos coworkings en Ourense está garantido con preto de 60 proxectos xa inscritos

Lunes, 21 Febrero 2022 14:02

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou os novos espazos de emprendemento que se van desenvolver na comarca de Valdeorras (A Rúa); a Mancomunidade do Carballiño (con sede no Irixo) e Tecnópole (en San Cibrao das Viñas), que seguen abertos á presentación de solicitudes

A Rúa (Ourense), 21 de febreiro de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación dos tres novos coworkings que a Xunta impulsa na comarca de Valdeorras (A Rúa); a Mancomunidade do Carballiño (con sede no Irixo) e o Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole (en San Cibrao das Viñas), destacando que estes espazos de emprendemento, que seguen abertos á presentación de solicitudes, teñen garantido o seu éxito con preto de 60 proxectos xa inscritos.

Nesta sexta edición, duplícanse os espazos cos que botou a andar a iniciativa en 2016, sendo nesta convocatoria un total de 11 coworkings en toda Galicia. Conde sinalou que, dos catro novos lugares que acollerán esta iniciativa, tres están na provincia de Ourense, engadindo que un dos obxectivos é que esta rede na que os emprendedores poden recibir asesoramento e madurar os seus proxectos chegue aos concellos do rural galego para que cristalicen alí novas iniciativas empresariais.

Tal e como explicou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, a idea é que o número de proxectos en cada coworking se sitúe entre 16 e 22, adiantando que no espazo que se vai desenvolver na comarca de Valdeorras xa hai 18 inscritos; 20 na Mancomunidade do Carballiño e 19 na Tecnópole.

Tras a realización das cinco edicións anteriores desta iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), frutificaron na provincia de Ourense un total de 89 empresas, e creáronse 122 empregos. A nivel galego, un 54% dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións dos coworkings que se foron convocando consolidáronse como empresas. Así, son en total 384 novas inciativas, que permitiron a creación de 624 empregos en municipios localizados no rural, favorecendo a cohesión social e territorial.

Ademais, case a metade dos participantes nas diferentes edicións que se convocaron destes coworkings foron mulleres, en concreto 489, algo que, tal e como sinalou Conde, tamén anima a proseguir con esta iniciativa, e con outras medidas dirixidas máis concretamente a impulsar o emprendemento feminino, como o novo programa de capacitación dixital que se vén de poñer en marcha e no que van poder participar máis de 10.000 mulleres no rural galego.

Conde, que sinalou que apoiar os emprendedores é unha das prioridades da Xunta de Galicia, lembrou que se está elaborando a Axenda de Emprendemento, que recolle novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos innovadores, dixitais e sostibles. Neste sentido, destacou que a rede de espazos de coworking está aberta a todo tipo de proxectos, e que ao mesmo tempo presta especial atención a ámbitos como o turismo (na sede de Vilanova de Arousa, na comarca do Salnés); o deseño e as novas tecnoloxías (Ferrol); o Camiño de Santiago (en Palas de Rei); o alimentario e a loxística (na Ribeira Sacra); e o audiovisual (en Santiago de Compostela). Tamén haberá un novo espazo coworking no Deza (Lalín), e repiten A Mariña (Mondoñedo); e A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).

  • Lorenzana anuncia la aprobación de la primera convocatoria de ayudas en Galicia para promover el uso de la inteligencia artificial en las empresas
    Leer más
  • La Xunta pone en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar en la desburocratización y agilización administrativa y acompañar al tejido productivo
    Leer más
  • La Xunta destaca la aportación de Kreios Space a la diversificación e internacionalización del sector aeroespacial gallego
    Leer más