IG264 - AXUDAS AO INVESTIMENTO PARA INFRAESTRUCTURAS LOCAIS - CENTROS DE FABRICACIÓN AVANZADA (2023)

Finalidad / Objetivo

O obxecto destas axudas é o de apoiar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento do entorno das empresas e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade.

A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60%, computándose como cofinanciamento nacional o cofinanciamento do 20% mediante fondos propios da Comunidade Autónoma e o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20% restante. En particular:
Obxectivo político 1: Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Obxectivo específico 1.3: O reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos
Actuación 1.3.01.: Apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.
Campo de intervención TI0021: Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.

Tipos de apoyo

Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciales

1. As pequenas e medianas empresas (pemes), que adopten a forma xurídica de Sociedade Limitada ou Sociedade Anónima, preexistentes ou que se constitúan especificamente para a explotación da infraestrutura proposta.

Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable en Galicia.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 20% dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
c) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e/ou un centro de traballo en Galicia. O centro de traballo poderá ser a propia infraestrutura que se vai crear.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas.
c) As empresas en crise.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
e) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004 pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei.

Co fin de facilitar o acceso á axuda, permitirase que a persoa beneficiaria poida constituírse tras a presentación da solicitude de axuda, antes da resolución de concesión.

Requisitos principales del proyecto

1. Serán subvencionables os proxectos de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar o entorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estarán a disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será o prezo de mercado.

b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non serán subvencionables os proxectos nos que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases considerarase utilización moi maioritaria por parte dun terceiro á que supere o 75% da facturación da infraestrutura.

c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.

d) Deberán prestar servizos que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.

2. Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclado e reutilización de residuos, infraestruturas de banda ancha, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.

3. O investimento subvencionable deberá ser superior a 100.000 € e inferior a 20.000.000 €.

4. Todos os proxectos deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do No Significant Harm).

Cualificación requerida del proyecto

O órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acaden 40 puntos.

Inversiones o gastos computables

1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan de forma indubitable á infraestrutura subvencionada e que se materialicen nos seguintes conceptos:

a) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante, ou sobre os que o solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

b) Adquisición de terreos, edificacións ou construcións por un importe que non exceda do 10% do investimento total subvencionable. Poderá superarse esta porcentaxe no caso de que a operación consista, atendendo ao seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para ser rehabilitadas ou postas a punto para un novo propósito, de modo que o terreo no que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal dunha adquisición, calquera que sexa o obxecto ou finalidade da operación, cando o valor de mercado do solo exceda do valor de mercado da edificación no momento da compra.

c) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

d) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

e) Activos intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo que cumpran os requisitos indicados no artigo 5.

f) Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

Non se considerarán subvencionables bens suntuarios ou que teñan un custo moi superior a outros similares que cumpran a mesma funcionalidade.

2. Os bens de equipo adquiridos deberán ser novos ou cumprir os seguintes requisitos para a súa admisión:

- Que os bens non fosen obxecto de ningunha subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
- Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, o cal deberá acreditarse mediante certificación de taxador independente.

3. A suma dos investimentos correspondentes aos epígrafes a), b) e f) anteriores, non poderán superar o 60% do investimento total subvencionable.

4. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto (existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables).
Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

5. O período de execución dos investimentos abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

6. A persoa beneficiaria deberá adquirir os bens obxecto de investimento en propiedade.

No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto.

7. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros e en ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de “empresas asociadas” ou de “empresas vinculadas” .

8. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

9. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 9/2017 de contratos do sector público, a entidade beneficiaria deberá cumprir co disposto para os contratos subvencionados.

10. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Cuantía de las ayudas

1. O importe da axuda calcularase como a diferenza entre os investimentos subvencionables e o beneficio de explotación ao longo do período de explotación do negocio, e non poderá superar os 5.000.000 €, cunha intensidade máxima do 80% de importe subvencionable.

2. Entenderase como “beneficio de explotación” a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate. Para o cálculo utilizarase unha taxa de desconto do 4%. Se esta diferencia é negativa, o “beneficio de explotación” será nulo.

3. Entenderase como “custos de explotación” os custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugueres ou administración, excluíndo os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento (incluída, pero non limitada á presente axuda).

4. A axuda concederase en base ao plan de viabilidade que presente a persoa solicitante (segundo o modelo de Plan Económico e Cálculo da Subvención incluído no formulario electrónico de solicitude). O plan de viabilidade referirase a un período de 10 anos desde a posta en marcha da infraestrutura. Se o período de amortización da infraestrutura fose superior aos 10 anos, o valor residual dos activos subvencionados deberá terse en conta para o cálculo do beneficio de explotación, mediante o cálculo do valor neto actual dos fluxos de efectivo nos anos de vida útil restantes do investimento.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses contados dende as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo de dous meses.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para o mesmo proxecto.

Referencia legislativa

Resolución do 18 de setembro de 2023 (DOG Nº185 do 28/09/2023) - Bases reguladoras e convocatoria 2023

Información y tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:
1. A solicitude poderá presentala a peme de xeito individual ou ben formar, previamente á presentación da solicitude, unha agrupación de persoas físicas e/ou xurídicas, que se comprometan a constituír unha nova sociedade que finalmente será a beneficiaria. A condición de beneficiario enténdese referida á sociedade que debe constituírse antes da resolución definitiva da axuda.
2. Para presentar a solicitude, a persoa representante da peme individual ou o líder da agrupación, deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto, a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.
3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante.

Deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de que presente a solicitude o líder da agrupación:

1º Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da sociedade que se vai constituír.
2º Proxecto de estatutos da sociedade que se vai constituír.
3º Documento de constitución da agrupación.

b) Memoria descritiva do proxecto e do investimento proxectado, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación.

c) Se é o caso, memoria dos activos que se achegan á sociedade para o funcionamento da infraestrutura valorados por experto independente, indicando para cada elemento a data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición e importe da amortización acumulada á data de incorporación á sociedade.

d) As tres ofertas que, debe solicitar o interesado.

e) No caso de investimento en obra civil deberán achegar os seguintes planos:

1º) Esbozo de localización dentro do termo municipal.
2º) Plano xeral acoutado das instalacións, no que se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento.
3º) Planos de distribución en planta, nos que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipo.

f) No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación da letra e), o solicitante deberá presentar o contrato de arrendamento do inmoble, cunha duración mínima de 5 anos a contar desde a data prevista de posta en marcha da infraestrutura.

g) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

h) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores.

i) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (principio “do no significant harm” – DNSH), segundo o Anexo V a estas bases.

j) Documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura

Observaciones

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 30 de xuño de 2026.

O prazo para solicitar anticipos será ata o 10 de decembro para os gastos da anualidade 2023, ata o 15 de outubro de cada ano para os gastos das anualidades 2024 e 2025 e ata o 15 de marzo de 2026 para os gastos da anualidade 2026.

O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2023 abranguerá ata o 31 de xaneiro de 2024. O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2024 rematará o 15 de decembro de 2024. Para os gastos incorridos no 2025 rematará o 15 de decembro de 2025. O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2026 rematará o 30 de xullo de 2026.