A Xunta destaca a mellora da competitividade do sector TIC galego coa aposta das pemes pola dixitalización e a internacionalización

Jueves, 06 Mayo 2021 12:00

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou na Coruña a compañía Docuten, onde salientou a súa contribución á transformación dixital do tecido produtivo. A empresa, que ofrece solucións avanzadas para a xestión corporativa, conta co apoio das axudas ao financiamento de proxectos innovadores e o Galicia Exporta Dixital, cuxo prazo de solicitude remata o 30 de xuño.

A Coruña, 6 de maio de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou esta mañá a empresa Docuten na Coruña, onde puxo de manifesto o compromiso da Xunta co apoio aos investimentos das pemes en innovación tecnolóxica e a mellora da súa presenza nos mercados exteriores a partir de ferramentas dixitais que garanten a mellora da competitividade e o avance na internacionalización dos produtos e servizos.

Guldrís indicou que o esforzo desta empresa TIC, de desenvolvemento de software e consultora informática, para ofrecer servizos e produtos avanzados que faciliten a transformación dixital doutras compañías explica os logros acadados nos últimos exercicios nos resultados de facturación e exportacións, que en 2020 supuxeron un incremento en máis dun 53% do total das súas vendas e en máis dun 360% das súas exportacións.

Neste sentido, o director do Igape puido comprobar nas instalacións de Docuten –que iniciou a súa actividade en 2010 e emprega a 30 persoas– os avances que está a realizar co obxectivo de converter os seus clientes en "empresas sen papel", a través da dixitalización dos procesos administrativos empresariais. A empresa coruñesa participou nos últimos anos nos programas IFI Innova e Galicia Exporta Dixital da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, activados co obxectivo de impulsar iniciativas que permiten avanzar na transformación dixital dos distintos sectores produtivos de Galicia.

Así, co apoio dos instrumentos financeiros innovadores (IFI) destinados a achegar financiamento para o desenvolvemento de proxectos innovadores, a empresa coruñesa adecuou aos estándares europeos a plataforma de facturación que pon á disposición dos seus clientes, o que facilita as operacións noutros mercados. Ademais, as axudas achegadas na convocatoria de 2020 do Galicia Exporta Dixital facilitarán que Docuten avance no seu márketing dixital internacional, enfocando o seu modelo de éxito no ámbito nacional cara a mercados exteriores.

As axudas á internacionalización das pemes
Nese sentido, Guldrís lembrou que se mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes para a última convocatoria deste programa, o Galicia Exporta Dixital, ata o vindeiro 30 de xuño. Complementaria do Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios, esta liña de axudas conta con 6 millóns de euros para esta edición. Tamén está aberto a prazo para pedir os apoios da última convocatoria do Foexga, plan desenvolto en colaboración coas cámaras de comercio para impulsar accións de internacionalización en máis de 20 países.

Así mesmo, as empresas interesadas tamén poden solicitar as axudas do Cheque Brexit, programa que conta cun orzamento dun millón de euros e que forma parte da Oficina Brexit, o paquete de apoios que vén de poñer en marcha a Xunta para facilitar que as compañías galegas exportadoras e importadoras se adapten aos requisitos derivados da saída do Reino Unido da Unión Europea.

Ademais, as empresas interesadas na contratación de expertos en comercio exterior poden acollerse aos apoios do programa que, cunha dotación de dous millóns de euros na convocatoria que está aberta, facilitará a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego, que desenvolverán proxectos de internacionalización nas pemes e organismos empresariais que os contraten.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Leer más
  • Lorenzana subraya que el talento está vinculado a la competitividad y al desarrollo de las empresas gallegas
    Leer más
  • Lorenzana subraya que la competitividad de las empresas está vinculada a la descarbonización y a la implantación de las energías renovables
    Leer más