A Xunta salienta en Vigo a oportunidade dos fondos europeos para impulsar a transformación industrial de Galicia a través da innovación, a sostibilidade e a dixitalización

Miércoles, 25 Mayo 2022 13:54
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na xornada 10 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia, onde avogou por consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global a través de “liñas estratéxicas que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”
  • A xuntanza enmárcase no programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu, nas cinco primeiras edicións, realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña
  • Noutro encontro celebrado no marco de Navalia, resaltou a importancia da nova Estratexia do naval que impulsa o Goberno galego e que aposta pola diversificación, a dixitalización, a sostenibilidade e a formación para facer fronte ao escenario que afronta a industria

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Vigo na xornada 10 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia, onde destacou a oportunidade que supoñen para Galicia os fondos europeos de cara a impulsar a transformación industrial a través da innovación, a sostibilidade e a dixitalización.

“Desde a colaboración público-privada, e poñendo o foco nas pequenas e medianas empresas, temos moi claro que, apoiados nestes fondos, o noso traballo debe ser acompañar aos sectores maduros e tradicionais para evolucionar cara a esa economía máis dixital, verde e innovadora”, salientou Guldrís nunha xornada que se celebrou no marco do programa Capacita Directivos.  

Esta iniciativa, lembrou o director do Igape, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, permitiu nas cinco primeiras edicións realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña.

Desta volta, os participantes afondaron nas industrias da moda, da biotecnoloxía, no futuro da mobilidade, nas TIC, no sector alimentario, nas enerxías renovables, na industria aeronáutica e aeroespacial, na loxística, no turismo e na industria do envellecemento activo. “Todos sectores estratéxicos para o futuro de Galicia sobre os que queremos reflexionar mirando cara ao futuro, con dous obxectivos: axudar a consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global, e afondar en liñas estratéxicas que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”, apuntou Guldrís. 

Neste marco, o director do Igape lembrou que os distintos programas e actuacións que o Goberno galego impulsa cada ano teñen como eixos de actuación a transformación dixital das pemes galegas, a procura de novos mercados e o emprendemento, ao tempo que achegan financiamento no actual contexto económico marcado pola saída da pandemia e pola invasión rusa de Ucraína.

A nova Estratexia Naval

Durante a súa xornada en Vigo, onde asistiu tamén nun obradoiro organizado por Ceaga sobre os fondos europeos Next Generation e onde participará esta tarde nun coloquio promovido por Comisión Obreiras sobre o naval galego, Guldrís achegouse á feira Navalia, onde inaugurou a xornada Transformación dixital na vida do buque.

Un escenario no que o director do Igape resaltou a importancia da nova Estratexia Naval que ten activado o Goberno galego e que, como lembrou, espera que o Perte do naval se converta nunha verdadeira oportunidade para a recuperación do sector.

O obxectivo é que Galicia ocupe o espazo que lle corresponde no reparto dos fondos europeos, facilitando así a aposta pola dixitalización da cadea de valor, pola sostibilidade ambiental e pola mellora da formación e capacitación dos traballadores.

  • El Igape incrementa su presupuesto hasta los 278 M€ en la búsqueda de impulsar un nuevo modelo de relacionarse con las empresas y mejorar su competitividad
    Leer más
  • Lorenzana anuncia la creación de una área específica de innovación dotada con más de 60 M€ para fortalecer el tejido productivo
    Leer más
  • La Xunta refuerza su compromiso con el emprendimiento innovador como "llave del futuro económico de Galicia"
    Leer más