Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021.- A Xunta de Galicia, Abanca, Reganosa e Sogama veñen de constituír a nova sociedade público-privada que se encargará de impulsar iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital.
A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia nace co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da Comunidade a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.
A nova entidade terá entre as súas prioridades fomentar a participación das pemes para que sexan elas as principais beneficiarias dos novos proxectos tractores que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor. Ademais, prestará diferentes servizos de asesoramento para garantir a presentación e o desenvolvemento das novas actividades empresariais, como apoio xurídico, económico, administrativo, comercial e industrial e de xestión e dirección das iniciativas.
De carácter impulsor e non investidor, e aberta á entrada de novos colaboradores, esta nova sociedade limitada será de maioría privada. De feito, dispón dun capital inicial de 5 millóns de euros, dos que as achegas de Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%) supoñen o 60% do total. Pola súa parte, a Xunta de Galicia participa co 40% restante.
Nesta fase inicial tras a súa constitución, a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia terá sobre a mesa un primeiro obxectivo: contribuír á maduración dos proxectos tractores incluídos na candidatura galega que opte aos fondos europeos Next Generation, axudando posteriormente a buscar investidores para que poidan desenvolverse.
A proposta galega aos fondos europeos recolle ata o momento 354 proxectos –dos que 247 son públicos y 107 privados– que poderían mobilizar un investimento de preto de 20.000 millóns de euros.
A candidatura de Galicia parte do consenso e inclúe iniciativas que pretenden involucrar ás pemes e chegar a toda a cadea de valor industrial. Ademais, apoiase nos sectores estratéxicos galegos para convertelos en motores que arrastren ao resto do tecido produtivo da Comunidade, prestando especial atención ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos.