Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá por videoconferencia na apertura das Xornadas profesionais da Industria que se celebran hoxe e mañá no marco da Maker Faire Galicia 2021 e nas que salientou o papel clave dos makers, os emprendedores e os impulsores de startups no avance da transformación dixital e os sectores económicos emerxentes, como a biotecnoloxía, as enerxías renovables e a industria do entretemento interactivo. Durante a súa intervención tamén lembrou o compromiso que pretende amosar a Xunta de Galicia coa dixitalización, poñendo como exemplo a nova convocatoria de axudas por 7,4 millóns de euros que está aberta desde hoxe para apoiar o desenvolvemento de novos proxectos, con especial atención a pemes de sectores estratéxicos da economía galega, como o téxtil, a automoción e a industria auxiliar do naval.
As xornadas forman parte do Capacita Directivos, programa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación que se desenvolve en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo de Empresarios de Galicia. Como sinalou Guldrís, esta iniciativa creada en 2015 leva promovido 61 actividades formativas nas que participaron máis de 12.700 persoas, ás que se sumarán os 1000 participantes previstos nas accións que se están a realizar en 2021. O seu obxectivo é desenvolver novas competencias nas persoas e nas empresas mediante a formación en eidos como a estratexia, a xestión e a dixitalización.
Dirixidas ao público empresarial, os encontros profesionais da industria da Maker Faire 2021 mostran proxectos innovadores ao tempo que reúnen a expertos de empresas consolidadas e startups, universidades e centros de investigación para abordar en charlas, mesas redondas e obradoiros diversas temáticas, como o financiamento e a aceleración de startups, a dixitalización e os fondos europeos de recuperación Next Generation, o desenvolvemento da biotecnoloxía e o sector enerxético tras a pandemia da covid-19 ou o futuro da industria dos videoxogos.
A Maker Faire Galicia, xa consolidada como un dos principais eventos de inventores de España e Europa, converte nestes días a Galicia no escaparate mundial da creatividade, o talento e a innovación. A presente edición é a sétima e, como o pasado ano, realízase en formato dixital. Mantén como principal obxectivo o impulso do ecosistema empresarial, promovendo a simbiose entre empresa-startup ou empresa-makers, que teñen cada vez máis protagonismo entre as compañías, que as ven como oportunidades para aprender, innovar, crecer e ser más sustentables.
Nova convocatoria das axudas á dixitalización
Durante a súa intervención, o director do Igape tamén puxo en valor a aposta que a Xunta está a facer desde hai anos pola transformación dixital do tecido produtivo galego. Nese sentido lembrou que, como publicou onte o Diario Oficial de Galicia (DOG), a Administración autonómica destina 7,4 millóns de euros a apoiar o desenvolvemento de proxectos individuais e colectivos a través da última convocatoria da liña de axudas e o programa de apoio á realización de talleres nese eido. O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde hoxe e ata o vindeiro 1 de xullo.
Cofinanciada por fondos Feder, esta edición das axudas á dixitalización incorpora un incremento dos apoios ás pemes de calquera sector do 50% dos investimentos e do 70% no caso das pequenas e medianas empresas dos sectores téxtil e moda, a automoción e a industria auxiliar do naval.
Fondos Next Generation
Guldrís tamén fixo referencia á candidatura galega aos Next Generation, que, segundo afirmou, busca aproveitar a gran oportunidade que estas partidas europeas supoñen para impulsar a transformación dixital e a transición enerxética e industrial, ademais da cohesión social e territorial de Galicia. Engadiu que a colaboración público-privada é a maneira máis eficaz de optimizar os recursos europeos e que a Administración galega traballa desde hai meses co tecido produtivo galego e outros axentes económicos para que a proposta definitiva que Galicia presente ao Goberno central sexa a que máis garantías de éxito ofreza na captación e impulso de proxectos tractores e estratéxicos.
O director do Igape fixo fincapé na relevancia de impulsar o talento e a innovación, dirección na que traballa o Goberno galego. É o caso das business factories de ámbitos como a alimentación (BFFood), a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero) e a biotecnoloxía (BioIncubaTech), e Connect-19, programa especializado na comercialización de solucións innovadoras para a loita contra o impacto da covid-19.