Carballeda de Valdeorras (Ourense), 16 de marzo de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, mantivo esta mañá unha reunión con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia no Centro Tecnolóxico da Pizarra, en Carballeda de Valdeorras, onde destacou que o sector galego da lousa está a demostrar a súa capacidade de adaptación e de resistencia no actual contexto económico.
Nese sentido, o director do Igape puxo en valor os resultados das vendas no exterior da industria galega da pedra durante 2020 e lembrou que, a pesar do contexto actual, as exportacións galegas deste sector se incrementaron nun 2% con respecto a 2019, superando os 345 millóns de euros en vendas. Salientou que é especialmente relevante a suba do mes de decembro, que acadou un ascenso de preto dos 30 puntos con respecto ao mesmo mes do ano anterior.
Guldrís engadiu que, no que respecta á provincia de Ourense, o sector da pedra e o agroalimentario son os dous eidos produtivos que romperon coa tendencia de baixada das vendas no exterior durante o pasado ano, acadando no primeiro caso un incremento do 1,4% e un volume total de exportacións por valor de 205 millóns de euros.
Ademais, o director do Igape recoñeceu o traballo que as empresas galegas da lousa e a pedra en xeral veñen realizando desde hai anos na mellora da súa competitividade, a implantación da Industria 4.0, a transformación e innovación tecnolóxicas e as melloras medioambientais, e sinalou que cómpre reforzar ese compromiso para afrontar os novos retos económicos e saír reforzados da actual situación dinamizando a actividade económica.
Segundo apuntou Guldrís, ese é o propósito da Lei de reactivación económica de Galicia, que se vén de aprobar no Parlamento e que conta entre os seus principais obxectivos atraer novas iniciativas empresariais e facilitar os investimentos, avanzando na simplificación administrativa a través de procedementos de tramitación máis áxiles que, á vez, acheguen as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e medioambientais.
Como expuxo en anteriores reunións mantidas con representantes doutros sectores produtivos, o director do Igape incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego, os concellos e o sector privado para avanzar neste eido e impulsar a modernización e adaptación tecnolóxicas do tecido produtivo.