IG262 - PRÉSTAMOS PARA FINANCIAR A OPERATIVA DE CENTROS TECNOLÓXICOS, ASOCIACIÓNS EMPRESARIAIS, FUNDACIÓNS E ENTIDADES QUE DESENVOLVAN ACTIVIDADES ECONÓMICAS, ACTIVIDADES DE I+D OU PRESTEN SERVIZOS DE INTERESE PARA O TECIDO EMPRESARIAL GALEGO (2023)

Fora de prazo

Finalidad / Objetivo

Financiamento de actuacións que desenvolverán por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan ou proxecten desenvolver actividades económicas, de investigación e desenvolvemento ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego.

Tipos de apoyo

Préstamos directos do IGAPE en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciales

1. Poderán ser beneficiarias aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación a financiar, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no Anexo I.
c) Acheguen para aactuación unha contribución financeira mínima do 25% do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Ademais dos establecidos no artigo 1 das bases reguladoras, deberán ser entidades vinculadas a sectores produtivos de Galicia ou actuacións que se van desenvolver na Comunidade Autónoma.
A titular poderá ceder a actuación a unha agrupación de interese económico cando estea xustificado por motivos de optimización fiscal respecto a deducións por investimentos en I+D e transferencia de bases impoñibles negativas, que facilite o financiamento da actuación, sempre que os gastos que se van financiar sexan realizados e sufragados pola beneficiaria, ou os depósitos que se van peñorar afiancen avais en garantía de obrigas ou continxencias desta.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real Decreto Lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do Libro Segundo do devandito Real Decreto Lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un acordo de refinanciamento ou un acordo extraxudicial de pagos.
c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Requisitos principales del proyecto

As actuacións que se van desenvolver en Galicia deberán presentar un custo financiable igual ou superior a 100.000 € máis impostos.

Condicións do produto financeiro.

1. O importe mínimo do préstamo será de 75.000 € e o máximo de 1.500.000 €. En ningún caso superará o 75 % do custo da actuación financiable.

2. Prazos de amortización e de carencia.
Axustados ao plan económico-financeiro e á vida útil dos bens adquiridos, cun máximo de doce (12) anos, e pode incluír carencia na amortización de principal.

3. Tipo de xuro e axuda implícita.

a) Tipo de xuro ordinario.
O tipo de xuro aplicable será fixo, e inferior en 1,5 puntos porcentuais ao tipo determinado conforme o anexo II destas bases. En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0 %.
Os xuros ordinarios liquidaranse trimestralmente, coincidindo co último día do trimestre natural.

b) Tipo de xuro de demora.
Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en demora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 4 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

c) Axuda implícita.
Os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita de minimis, nos termos establecidos no artigo 5 destas bases.

4. Plan de amortización.
Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais con vencemento o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros, con cotas constantes de xuros ordinarios máis amortización unha vez finalizada a carencia. Nos casos en que o provedor ofreza a posibilidade de recompra, o calendario poderá prever unha cota de amortización final maior, coincidente co pagamento desta recompra.

5. Garantías.
En función da dispoñibilidade e das características da actuación.

Cualificación requerida del proyecto

Sen prexuízo do cumprimento do limiar da cualificación do risco de crédito, para a súa aprobación deberá obter unha puntuación mínima de 50 puntos.

Inversiones o gastos computables

Para esta modalidade de préstamo serán financiables:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.

b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

c) Gastos de investigación, desenvolvemento e innovación, aínda que contablemente teñan a consideración de gasto corrente, por non se cumpriren as condicións para a súa activación previstas nas normas particulares sobre o inmobilizado intanxible, recollidas no vixente Plan xeral de contabilidade, por canto, unha vez finalizado o prazo para xustificar o proxecto, poidan non presentarse motivos fundados de éxito técnico e rendibilidade económico-comercial.

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade, que deberá cumprir o seguintes dous requisitos:
1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base na solicitude da titular, nos estados financeiros históricos e nas previsións de actividade.
2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:
i) Compras de mercadorías,
ii) Prestación de servizos:
iii) Gastos de persoal:
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.
vi) Cando así se recolla expresamente no acordo de concesión, os fondos do préstamo desembolsado poderanse destinar a constituír un depósito nunha entidade financeira en euros, peñorado a favor dun terceiro, como fianza ou contragarantía dun aval ou liña de avais que este terceiro emita, en garantía do cumprimento, por parte da beneficiaria, de compromisos, continxencias ou obrigas de carácter técnico ou financeiro relacionados coa actuación ou coa actividade corrente da beneficiaria.

e) Salvo nos conceptos recollidos na alínea d) anterior, exclúense impostos, taxas e arbitrios, coa excepción do IVE cando non sexa recuperable.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros pola beneficiaria. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes da finalización do prazo de execución da actuación, e neste momento deberá constar o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. Non obstante o previsto no anterior número 2, tamén poderá ser financiada a obra civil en inmobles sobre os cales exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa, e/ou estean alugados, limitándose, en caso de alugamento a obras de reforma de inmobles xa construídos. No caso de dereito de superficie ou alugamento, as entidades titulares dos inmobles non poderán estar vinculadas á beneficiaria.

4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre a beneficiaria do préstamo e o provedor, agás os gastos de desenvolvemento e innovación, que poderán ser realizados con medios e por persoal da propia beneficiaria.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, salvo que a contratación se realice en condicións normais de mercado e se autorice expresamente no acordo de concesión, logo de petición do solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas», establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

6. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite, mediante certificado de taxador independente, que o prezo non supera o valor de mercado e que é inferior ao custo de bens novos similares.

Cuantía de las ayudas

Nesta modalidade de préstamo, o tipo de xuro poderá resultar inferior ao de mercado que correspondería en aplicación da Comunicación da Comisión Europea.

Neses supostos:

a) No acordo de concesión determinarase a axuda implícita conforme a metodoloxía descrita no anexo III, que equivalerá ao aforro da carga financeira que supón para a beneficiaria.

b) A beneficiaria aceptará a contía determinada cando instrumente a operación, obrigándose a reintegrar a vantaxe financeira da que desfrutase indebidamente no caso de incumprimento das condicións da axuda.

c) Esta axuda implícita terá a consideración de axuda de minimis e cumprirá co establecido na normativa de minimis que lle sexa de aplicación ao titular.

d) As axudas de minimis considéranse concedidas no momento en que se lle recoñeza á empresa o dereito legal a recibir a axuda en virtude do réxime xurídico nacional aplicable, con independencia da data de pagamento da axuda de minimis á empresa. En consecuencia, as variacións nas condicións financeiras de mercado posteriores á concesión non afectarán o cálculo da subvención bruta equivalente.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 29 de decembro de 2023, ás 14.00 horas.

Incompatibilidades

Os préstamos contemplados nestas Bases Reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se contemple axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación.

Referencia legislativa

Resolución do 3 de xaneiro de 2023 (DOG Nº21 do 31/01/2023) - Bases reguladoras dos préstamos directos

Información y tramitación

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

* Tramitación

1. O interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

Documentación que se presentará coa solicitude:

a) A documentación específica sinalada no anexo I para cada modalidade de préstamo.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivamento en formato pdf asinado electronicamente, que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens, copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

e) Extractos bancarios de cada una das contas bancarias da solicitante, comprensivos dos catro meses anteriores á data de presentación da solicitude, en formato pdf nativo (descargados directamente da aplicación web da entidade financeira ou facilitados por esta).

f) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non a ter que realizar, se é o caso.

g) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estaren as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

h) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

i) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

j) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de alugamento, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).

k) Se é ocaso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
– Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento (importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar).
– Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no cal figuren a natureza, o importe e os prazos.

* Documentación específica para esta liña de préstamo:
Ademais da documentación sinalada no artigo 8, deberase presentar xunto coa solicitude:

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da entidade: historial, partícipes, principais fitos na evolución da entidade, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición da actuación: obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación da actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos e/ou gastos).

c) Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría), cuantificación das necesidades de incremento de capital circulante, se é o caso. Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para entidades en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da entidade, e mostrar separadamente o impacto da actuación.

Observaciones

A beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de novembro de 2024