A Xunta pon á disposición das estacións de servizo galegas unha liña de financiamento para facer fronte ás rebaixas no prezo do combustible

Mércores, 13 Abril 2022 13:12
  • A Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central vén de poñer en marcha ese desconto sen facilitar un mecanismo de pagamento deses adiantos
  • É unha liña de reavais das catro que a Administración autonómica vai poñer en marcha por valor de 80M€ para facilitar liquidez a todas as empresas galegas, entre elas, as estacións de servizo
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, destaca a “predisposición e axilidade” tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa
 

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, avanzou hoxe que as estacións de servizo galegas teñen á súa disposición a liña de apoios que a Xunta puxo en marcha para que poidan facer fronte aos anticipos que están a desembolsar ao ter que rebaixar 20 céntimos no litro de combustible ao seus clientes.

Guldrís explicou que a Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central vén de poñer en marcha ese desconto sen facilitar un mecanismo de pagamento deses adiantos, o cal está a provocar ás gasolineiras un problema de liquidez. 

Segundo concretou, trátase dunha liña de reavais por 60M€ que ten como obxectivo  facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar a alza no prezo de determinadas materias primas como os combustibles. A contía dos préstamos oscila entre os 3.000 e os 300.000€, coa bonificación do 1,5% no tipo de xuro. 

No que se refire aos requisitos para acceder son: que o incremento do custo das materias primas estea por riba do 50% e o 20% no caso das gasolineiras; que o gasto en combustible e subministración enerxética supoña, como mínimo, o 25% da súa facturación do ano pasado; ou que se trate de empresas cunha exposición comercial nos mercados de Ucraína e Rusia.

Guldrís destacou a “predisposición e axilidade” tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa. De feito, en base a este convenio que a Xunta asinou esta mesma semana, vanse poder avalar, en total, operacións por un máximo de 80M€.

A contía restante (20M€) vai ser para outras tres liñas adicionais de reavais. Nunha delas, as estacións de servizo tamén se encontran entre as posibles empresas beneficiarias do chamado reaval funcionamento, que lles vai permitir acceder a pólizas de desconto de efectos, pólizas de crédito e instrumentos de circulante. No que respecta ás outras dúas, Guldrís explicou que están pensadas para apoiar investimentos produtivos, incluídos os de eficiencia enerxética, ou tamén para o acceso a avais de tipo técnico dos que adoitan ser necesarios para acceder a licitacións ou a distintos contratos comerciais.

O Director do Igape subliñou que a Xunta de Galicia pon en marcha estas catro liñas de avais complementarias, por 80M€ en total, para axudar aos sectores máis afectados pola suba do prezo da enerxía, os combustibles e a falta de materias primas; un problema que vén de hai meses agravado pola guerra en Ucraína. Faino, dixo, porque a actuación do Goberno está sendo insuficiente cando “ten moita marxe para, a través da fiscalidade, apoiar en maior medida o tecido produtivo e ser un apoio nun contexto de prezos enerxéticos que nos sitúan nunha contorna de pouca competitividade”, concluíu.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis