Lorenzana destaca a competitividade e a xeración de emprego como fortalezas da industria da seguridade e a defensa en Galicia

Xoves, 10 Outubro 2024 17:51
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou en Santiago a xornada `Oportunidades da industria da seguridade e a defensa para Galicia´
  • Subliña que Galicia aspira a liderar en España o despregamento da nova política industrial vinculada a este sector
  • Destaca o apoio da Xunta para promover a entrada de empresas galegas en toda a cadea de valor e a creación de mercados públicos e privados
  • Lembra que o Goberno galego está a traballar na convocatoria de apoios para proxectos de Compras Privada de Innovación

 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a competitividade, a xeración de emprego, a diversificación de mercados e a sustentabilidade como fortalezas da industria da seguridade e a defensa en Galicia.

Lorenzana clausurou este mediodía a xornada Oportunidades da industria da seguridade e a defensa para Galicia, onde subliñou que Galicia quere liderar en España o despregamento da nova política industrial vinculada a este sector.

Así, a conselleira apuntou que é fundamental que as empresas e os centros tecnolóxicos unan capacidades e establezan sinerxías, para desenvolver proxectos tecnolóxicos conxuntos e optar con garantías a todas as oportunidades que ofrece a industria da seguridade e a defensa.

Apoio ao sector

Durante a súa intervención, a conselleira de Economía e Industria destacou que o principal obxectivo da Xunta é o de promover a entrada das empresas galegas na cadea de valor dos grandes actores deste macro sector e a creación de mercados públicos e privados para elas.

E para iso, sinalou, “deseñamos instrumentos de apoio pioneiros na política industrial española e moito máis beneficiosos para as empresas que as meras axudas públicas e que agora comezan a ser replicados por outras comunidades autónomas”.

María Jesús Lorenzana, subliñou tamén que Galicia foi pioneira na aplicación da compra pública de innovación e no desenvolvemento de instrumentos novidosos como a compra privada de innovación. Neste sentido, afirmou que, por exemplo, ata 2028 a Xunta terá achegado 102M€ de recursos propios ao sector aeroespacial e terá mobilizado un investimento total de 375M€.

Así, a conselleira lembrou ademais que, o Goberno galego está a traballar en proxectos de Compra Privada de Innovación. “Apoiaremos a empresas galegas do sector das UAVs que presenten iniciativas para empresas privadas doutros sectores, recibirán axudas para executar eses proxectos co fin de abrir os mercados privados ás novas tecnoloxías”, destacou.

Finalmente Lorenzana subliñou que a Xunta apoiará os investimentos industriais, a ampliación de capacidades de produción, o establecemento en Galicia de novas empresas e todo o necesario para o desenvolvemento desta industria que está en crecemento.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis