A Xunta reclama ao Goberno unha xestión planificada dos fondos europeos e advirte da súa desconexión coas necesidades das empresas

Martes, 23 Xullo 2024 13:41
  • Exixe unha cogobernanza real e efectiva destas axudas e que vaian acompasadas ao que a industria, as pemes e as persoas autónomas precisan
  • Indica que, a día de hoxe, Galicia é a única comunidade autónoma que leva executado máis de tres cuartas partes dos fondos asignados
  • Solicita, tamén, ese mesmo compromiso do Goberno en relación á planificación da rede de transporte eléctrico que condiciona o desenvolvemento de diversos proxectos industrias que supoñen un importante investimento para Galicia
  • Contrapón a esta falta de resposta do Goberno, o compromiso da Xunta por facer de Galicia un polo de atracción industrial na Península, especialmente, no eido da economía verde e dixital

 

Arteixo (A Coruña), 23 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, volveu reclamar hoxe ao Goberno central unha xestión planificada e máis áxil dos fondos europeos ao considerar que, catro anos despois de ser anunciados, existe unha desconexión entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos Perte.

Na súa intervención do Lorenzana Foro sobre Perspectivas Empresariais, organizado polo Banco Santander e La Voz de Galicia, Lorenzana indicou que, a día de hoxe, Galicia é a única comunidade autónoma que leva executado máis de tres cuartas partes dos fondos asignados. Non obstante, apuntou novamente que é necesario acompasar estas axudas ás verdadeiras necesidades do tecido empresarial, -especialmente da industria, das pemes e das persoas traballadoras autónomas-, e aos tempos de execución dos proxectos.

“En Galicia hai iniciativas, capacidades e talento, visión de futuro, e un traballo conxunto entre a Administración e as empresas e, por iso, exiximos unha cogobernanza real e efectiva dos fondos europeos”, reiterou, para solicitar, tamén, ese mesmo compromiso do Goberno en relación á planificación da rede de transporte eléctrico que condiciona o desenvolvemento de diversos proxectos industrias que supoñen un importante investimento para Galicia.

A conselleira contrapuxo a esta falta de resposta do Goberno, o compromiso da Xunta por facer de Galicia un polo de atracción industrial na Península, especialmente, no eido da economía verde e dixital. “É necesario reducir a burocracia e as trabas ás empresas, que necesitan certezas”, dixo, como a Xunta está a facer dándolles o acompañamento necesario a través da Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape. “Fronte aos impedimentos e aos obstáculos, a Xunta aposta por ser un apoio e un sostén”, afirmou. 

Nesta liña, destacou que o obxectivo do Goberno galego é desenvolver unha política industrial integrada, responsable, para facer un aproveitamento sustentable dos recursos naturais impulsando unha industria de alto nivel tecnolóxico e innovador. Ao respecto, mencionou que se está traballando nos plans directores para os sectores estratéxicos de Galicia -como o do naval e a automoción cuxos borradores se presentaron a pasada semana- para o desenvolvemento dun mapa industrial de Galicia.

“Non nos imos deter á hora de defender os intereses de Galicia e por iso vimos realizando un impulso de proxectos industriais e, concretamente, de proxectos que identificamos como estratéxicos ou que se están tramitando través do Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais”. Unha medida que considerou un eixe fundamental da política industrial da Xunta, xunto coa de poñer á disposición das empresas solo industrial a custo cero durante os oito primeiros anos.

Lorenzana apuntou que o sector industrial contribúe cun 16,7% ao PIB de Galicia, que é a terceira comunidade cun maior ritmo de crecemento interanual de ocupación industrial. Sinalou que o índice de confianza empresarial é superior ao nacional, cun 3% fronte ao 1,5% do Estado. E destacou que Galicia segue batendo récords en exportacións que suman, de xaneiro a maio, máis de 12.800M€, un 4,4% máis con respecto ao mesmo período do histórico 2023, e como segunda comunidade co maior crecemento do Estado.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis