A Xunta salienta o papel de ViaGalicia na configuración dun ecosistema emprendedor galego sustentado no talento e na innovación

Luns, 17 Xuño 2024 10:25
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, clausura a 7ª edición dunha aceleradora que ten impulsado ata o de agora a creación de 93 empresas das que preto do 70% seguen activas, xerando máis de 500 postos de traballo e 45 millóns de facturación
  • Destaca que a “innovación e o talento” permiten ofrecer “solucións avanzadas para grandes retos” causando “un impacto na sociedade, un cambio para ben, con repercusión na vida das persoas”
  • Pon en valor outras iniciativas como a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes ou a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech)

 

Vigo, 14 de xuño de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá, en Vigo, no acto de clausura da 7º edición de ViaGalicia, aceleradora de proxectos innovadores impulsada pola Zona Franca e a Xunta, e que acolle propostas de todos os sectores produtivos. Neste marco, subliñou o papel que xoga desde hai xa unha década esta iniciativa na configuración dun sistema emprendedor galego sustentado no talento e na innovación.

“Non hai dúbida de que innovación e talento brindáronnos moitos dos elementos do noso progreso e benestar, e seguirán facéndoo”, sinalou Toca Carús, quen puxo en valor que esta aposta facilita  ofrecer “solucións avanzadas para grandes retos” causando “un impacto na sociedade, un cambio para ben, con repercusión na vida das persoas”. 

Neste sentido, a través de ViaGalicia outórgase soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, ofrecendo capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. Así, e como expuxo a directora do Igape, desde a súa posta en marcha a aceleradora ten impulsado a creación de 93 empresas das que preto do 70% seguen activas, xerando máis de 500 postos de traballo e 45 millóns de facturación.

"ViaGalicia contribúe de modo decisivo a apoiar a creación e aceleración de empresas innovadoras; a diversificar o tecido empresarial, modernizar e dixitalizar os sectores máis tradicionais de Galicia; a impulsar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía; e a atraer talento”, resaltou Toca Carús, quen sinalou o peso que xoga a aceleradora no conxunto do ecosistema emprendedor galego.

Un ecosistema, afondou, coa vista posta na “innovación, a dixitalización e a sostenibilidade”, que se presenta “cada vez máis maduro” como amosan o conxunto das iniciativas impulsadas polo Goberno galego.

Entre estas, a directora do Igape destacou a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes; ou a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech), e que teñen permitido ata o de agora, de modo conxunto, a creación de 120 empresas e de máis dun milleiro de empregos de alta cualificación. 

“Neste marco, ViaGalicia permite conectar axentes clave e crear unha comunidade de emprendedores, mentores e empresas consolidadas. Co noso esforzo compartido seguiremos facendo desta aceleradora un espazo único de atracción de talento e de capacidades”, concluíu Toca Carús.

  • A Xunta pon en valor a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves do éxito empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis
  • A Oficina Económica de Galicia recibe a visita dos alumnos de deseño, moble e carpintería do IES de Melide
    Ler máis