Rueda destaca o papel das empresas familiares á hora de dinamizar a economía galega e facer medrar a comunidade

Mércores, 22 Mai 2024 18:01
  • O presidente da Xunta asiste á clausura da XXIV Asemblea xeral da Asociación Galega de Empresa Familiar
  • Resalta a súa importancia “por volume, por calidade das actividades desenvolvidas e por tradición”
  • Representan ao 92% do tecido empresarial asentado en Galicia e son responsables do 86% do emprego privado na comunidade
  • Asegura que é obriga das administracións “coidar” deste tecido produtivo porque “se eles medran, medra Galicia”
  • A Xunta facilita a implantación de novos investimentos reducindo a burocracia e poñendo a disposición dos empresarios solo industrial a prezos bonificados
  • Galicia é a comunidade cun tratamento fiscal máis vantaxoso para a transmisión interxeracional de empresas
  • O presidente demanda aos empresarios apoio a proxectos tractores e un “fronte común” na defensa das melloras de infraestruturas coma o Corredor Atlántico

 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a contribución das empresas familiares á hora de “mover a economía galega” e facer avanzar a comunidade. “Sodes unha parte fundamental da economía por volume, por calidade das actividades que desenvolvedes, por tradición e pola estruturación de Galicia”, indicou durante a clausura da XXIV Asemblea xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar que se celebrou en Santiago. 

Este tipo de compañías -unhas 80.000 en toda a comunidade- representan ao 92% do tecido empresarial asentado en Galicia e o 86% do emprego privado (447.000 persoas). “Seguide sendo grandes e medrando porque se medrades, medra Galicia”, indicou para asegurar que o obxectivo da administración é “apoiar e coidar” sempre este tipo de iniciativas empresariais.

Durante o acto, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o presidente lembrou que a Xunta leva anos traballando para atraer novos investimentos industriais á Comunidade e garantir que as empresas galegas aposten por medrar na súa terra. Entre elas está a redución ao máximo a burocracia para poñer en marcha un proxecto -coa nova Oficina Económica de Galicia; a posta a disposición dos empresarios de solo industrial a prezos bonificados -ademais do compromiso para os cen días de Goberno de habilitar solo industrial a coste cero durante os oito primeiros anos de actividade- ou que Galicia sexa a comunidade co tratamento fiscal máis vantaxoso, cunha redución do 99% de base impoñible para a transmisión interxeracional de empresas. 

Nesta liña, Rueda salientou que a Xunta “é a primeira administración en asumir de oficio a responsabilidade patrimonial polos retrasos na tramitación” correspondente para desenvolver proxectos industriais. 

Por último, o presidente pediu ao tecido empresarial o apoio e defensa da chegada de proxectos tractores “que van traer moita máis riqueza” a Galicia así como facer “un fronte común” á hora de reclamar melloras en infraestruturas claves para o tecido produtivo coma o Corredor Atlántico.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis