A Unidade mixta de Emenasa e Anfaco-Cecopesca que apoia a Xunta reforza a competitividade da industria alimentaria aplicando novas tecnoloxías ao control de calidade

Xoves, 25 Mai 2023 11:05
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Vigo nun encontro sobre esta iniciativa que permite coñecer as propiedades físicas e químicas dos alimentos.
  • Subliña a importancia de desenvolver proxectos que xeren pegada industrial e que permitan a Galicia diferenciarse nos mercados internacionais.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo no acto organizado por Emenasa e Anfaco-Cecopesca onde se deron a coñecer os resultados da Unidade Mixta de Investigación (UMI) na que colaboran a empresa e o centro tecnolóxico. A iniciativa, que naceu en 2016, contribúe a reforzar a competitividade da industria alimentaria aplicando novas tecnoloxías ao control de calidade. En concreto, baséase na imaxe hiperespectral, que permite coñecer as propiedades físicas e químicas dos alimentos sen contacto con eles.

A colaboración de Anfaco-Cecopesca con Emenasa nesta UMI conta cunha axuda da Xunta de Galicia de 1,15 millóns de euros para un investimento total de 3,8 millóns de euros, e implicou a un total de 19 persoas. Segundo subliñou Conde, esta iniciativa é un exemplo do potencial que ten Galicia para crear solucións innovadoras que poidan achegar unha maior competitividade ao tecido empresarial.

Tal e como apuntou o vicepresidente económico, a través de iniciativas como as Unidades Mixtas de Investigación a comunidade está facendo un importante esforzo por poñer en contacto a investigación dos centros tecnolóxicos e de coñecemento coas demandas da industria e, neste proceso, a colaboración público-privada é fundamental. O responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego sinalou así mesmo a importancia de que “a través do coñecemento e a transferencia ao mercado poidamos desenvolver proxectos que permitan xerar pegada industrial en Galicia e a partir de aí diferenciarnos do resto de mercados e do resto de países”.

A través desta Unidade Mixta, que contou coa colaboración de 14 empresas, avanzouse na tecnoloxía con imaxe hiperespectral para contar con sistemas que permitan o control total de cada materia prima nas liñas de procesado da industria, dispoñendo de xeito áxil de información dos parámetros de calidade e seguridade das distintas materias primas. O obxectivo despois de sete anos de traballo é chegar ao mercado coas distintas solucións desenvoltas no proxecto.

  • A Xunta pon en valor a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves do éxito empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis
  • A Oficina Económica de Galicia recibe a visita dos alumnos de deseño, moble e carpintería do IES de Melide
    Ler máis